Skip to main content

A Facultade de Políticas acolle a Conferencia da Rede Europea de Educación da Cidadanía

Tras o acto de apertura ten lugar o primeiro relatorio sobre as fronteiras culturais e relixiosas entre Bosnia Hercegovina e Europa e as prácticas da cidadanía europea tras o ingreso na UE. A sesión rematará cun panel sobre ‘A Unión Europea despois da ampliación e as eleccións: as perspectivas dunha democracia europea e a Constitucion’. No encontro trataranse cuestións relativas aos formatos e contidos dunha educación cívica conforme ao concepto dunha educación democrática da cidadanía. Durante os catro días da reunión e en cinco grupos de traballo, os asistentes debaterán sobre os problemas específicos de cada país, as redes civis e culturais e as entradas interactivas virtuais de educación de cidadanía europea, establecendo comparacións para conquerir unha cooperación máis forte entre os países. Deste xeito, unha das liñas básicas da conferencia tentará establecer un canon básico de normas de calidade dunha ciudadanía democrática nos sistemas educativos dos Estados membros europeos. Os cinco grupos de traballo versarán sobre entendemento de cidadanía democrática nos sistemas educativos público e non público, as competencias nos medios de comunicación e a información á sociedade, os métodos de participación para incrementar as porcentaxes de votación e a educación para o mantemento e estudo intercultural.
Gabinete Comunicación USC