Skip to main content

Inaugurado oficialmente en Santiago o curso académico 2004-2005 do Sistema Universitario de Galicia

Á cerimonia asistiron ademais o reitor da USC, Senén Barro, e os seus homólogos de Coruña e Vigo, José María Barja e Domingo Docampo, respectivamente; o conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, Celso Currás; o presidente do Parlamento de Galicia, José María García Leira; o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; a presidenta do Consello Social da USC, Manuela López Besteiro; os alcaldes de Santiago e Lugo, Xosé Sánchez Bugallo e José C. López Orozco, respectivamente; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, así como numerosas persoalidades do mundo académico, social e político. O catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Miguel A. Zabalza Beraza, iniciou o acto coa lectura da lección inaugural do curso académico 2004-2005 titulada A Didáctica Universitaria. Un espazo disciplinar para estudo e mellora da nosa docencia. O profesor Zabalza reflexionou na súa intervención sobre o sentido da docencia universitaria e a súa recobrada relevancia no momento actual de converxencia cara a un Espazo Europeo de Educación Superior, así como sobre a función da didáctica universitaria nese contexto e o seu sentido cara a práctica docente. Zabalza referiuse do mesmo xeito á demanda europea dunha docencia baseada na aprendizaxe e a idea das coreografías docentes como enfoque orixinal para conseguilo e ao silencio como condición básica para a mellora da aprendizaxe dos estudantes. Pola súa banda, o discurso de Senén Barro comezou cunha reflexión sobre a Universidade Intelixente, aquela que é capaz de guiarse por obxectivos e de poñer os medios necesarios para alcanzalos, adaptándose aos cambios ou, mellor aínda, anticípandose a eles ou incluso xerándoos. Segundo Barro a Universidade ten que aprender da experiencia, ten que crear e non só elixir, ten que ser rede, comunicación, ten que actuar como unha praza aberta a aires novos, para que transiten as ideas, para que se difunda saber, para que se cree coñecemento. A capacidade de aprender é, no dicir do reitor compostelán, unha das características fundamentais do seres intelixentes, e tamén, logo, das universidades intelixentes. Pero a Universidade ten que ser -segundo Barro Ameneiro- un proxecto común e ten que facer partícipes do mesmo a todos os sectores que a integran”, considerando que “é excepcionalmente importante a contribución e o compromiso dos equipos de dirección e de goberno, dos distintos órganos e unidades docentes, investigadoras e de xestión ou prestación de servizos. O reitor, que considera que é preciso aumentar a permeabilidade e deixar paso, cando menos, aos estímulos do noso contorno, tamén falou da permanente evolución na que teñen que vivir as universidades, que esixe conformar estruturas e procesos sólidos que definan auténticos compromisos institucionais e que require de actitudes máis proactivas, innovadoras, emprendedoras e solidarias. Despois da actual sociedade da información e da comunicación, para Senén Barro albíscase a sociedade do coñecemento que inmediatamente será substituída pola que el denomina sociedade da intelixencia. O Espazo Europeo de Educación superior foi tamén tema deste discurso académico, porque o camiñar conxunto das universidades europeas é unha das importantes contribucións para a construción da identidade europea. Pero Senén Barro foi máis adiante e apuntou a necesidade da creación dun Espazo Iberoamericano de Educación Superior e, a través del, a dun Espazo Unión Europea-América Latina-Caribe (UEALC) de Ensinanza Superior. Antes de rematar o seu parlamento, o reitor da USC fixo explícita a honra de representar ao Sistema Universitario Galego no acto inaugural do curso e lembrou a necesidade de que as universidades públicas traballemos intensamente ao servizo da sociedade á que nos debemos e que dita sociedade entenda que lle reclamemos un maior esforzo, precisamente para poder cumprir co que á súa vez nos demanda, e para poder facelo coa intensidade e a calidade coa que nos esixe que o fagamos. Pechando o acto académico o presidente da Xunta de Galicia comezou o seu discurso loubando a lección do profesor Miguel Zabalza por expresar a preocupación que actualmente ten a universidade por mellorar os seus métodos de docencia e aprendizaxe. Para Fraga, a Universidade está a voltar ás súas orixes, a Europa e a aquel senso universal co que naceu e que, na súa opinión, quizais este sentimento sexa a razón da Declaración de Bolonia do ano 1999, asinada por 29 ministros de Educación, que levará a todas as universidades de Europa á converxer nun único sistema de educación superior no ano 2010. Neste senso Fraga lembrou que Galicia é a primeira e única Comunidade Autónoma que ten creada unha comisión parlamentaria a tal efecto e que ten asinado xa o segundo convenio coas universidades, a través da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego, para ir incorporando experimentalmente algunhas das titulacións ás novas directrices europeas. O titular da Xunta anunciou que de cara á incorporación das universidades galegas ao sistema europeo de educación superior o goberno galego quere facer un plan xeral de financiamento plurianual que chegue ata o ano 2010 no que se vai introducir un novo capítulo de financiamento por calidade que lle permita ás universidades competir por obxectivos e mediante contratos-programa. Neste senso, Manuel Fraga referiuse ao traballo que están desenvolvendo as consellerías de Economía e Facenda e de Educación e Ordenación Universitaria en coordinación coas tres universidades galegas neste novo plan que esperamos chegue pronto a feliz termo. Rematada a súa intervención o presidente da Xunta de Galicia declarou inaugurado oficialmente o novo curso académico 2004-2005.
Gabinete Comunicación USC