Skip to main content

A Mesa entrevistouse esta mañán co, Xefe Superior de Policía de Galiza,

Mª Xosé Jamardo, Secretaria Xeral d’A Mesa pola Normalización Lingüística, Alberte del Rio e Xoan Carlos García, en representación do colectivo de Vixilantes de Seguridade Privada, entrevistáronse esta mañán con Don Luís Manuel García Maña, Xefe Superior de Policía de Galiza, para solicitarlle a súa axuda na solicitude deste colectivo para conseguir que se lles dé a formación na lingua propia de Galiza e que se lles permita a inclusión do galego na placa identificativa e no carné profesional.

 

Desde o pasado mes de Agosto os profesionais do sector da seguridade privada están achegándolle instancias ao Ministerio do Interior solicitándolle que tanto a súa placa identificativa como o seu carné profesional esté en galego. Direito plenamente recoñecido pola Constitución Española (art. 9.2), Estatuto de Autonomía de Galiza (art. 5.3) e a Lei de Normalización Lingüística de Galiza (Lei 3/83). Todas as contestacións a estas peticións foron negativas atendendo a motivos de competencia estatal e en base á Lei 30/92 (art. 36.1) que di: “A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeneral do Estado será o castelán”, lei que está en contraposición á lexislación superior que recoñece os nosos direitos lingüísticos.

 

Don Luís Manuel García Maña manifestou o seu respeito e apoio á lingua e á cultura propia do noso país, e constatou o seu respaldo ás propostas do colectivo apesares de que non ten competencia sobre a materia, dado que este sector pertence á Unidade Central de Seguridade Privada dentro do Ministerio do Interior. Coñecedor da situación lingüística e da lexislación vixente tamén recoñeceu as grandes limitacións institucionais nesta materia. Fixo especial fincapé na incapacidade que ten neste caso concreto pola situación de non competencia, ainda que si está disposto a respaldar estas solicitudes dentro das súas capacidades, recoñecendo a importancia de que o galego esté incluido na formación da propia policía e dos vixilantes de seguridade.

 

A Secretaria Xeral agradeceulle a súa boa disponibilidade e a información subminitrada que nos axudará para acadar a galeguización deste sector e que pode significar a punta do iceber para conseguirmos un avance no proceso de normalización lingüística e de recoñecimento dos nosos direitos en todo o entramado do Ministerio do Interior, con especial interese nos organismos con sede no territorio galego.

A Mesa pola Normalización Lingüística
A Mesa pola Normalización Lingüística