Skip to main content

Xuntanza do Consello Galeguista en Lugo

A xuntanza de Lugo ten un simbolismo político e social por canto, anos despois, herdeiros deses galeguistas do 1.918 recollemos o seu legado e, co mesma vocación de futuro e traballo no presente, presentamos as liñas mestras da proposta do P.G. para a reforma do actual Estatuto de Galicia. Entendemos, asimesmo, que nunha sociedade democrática o debate para a reforma do Estatuto non pode limitarse por decreto a feitos tan puntuais
como o de que tres partidos políticos teñan representación parlamentaria. Galicia somos todos e, nun asunto de tanta transcendencia para o futuro de Galicia, todos temos dereito a ser escoitados. Xa que logo, unha vez referendado polos delegados no Congreso do P.G., o
13 de Novembro en Pontevedra, presentarémoslle ó Presidente da Xunta, a Mesa e o Presidente do Parlamento Galego o texto completo da proposta galeguista para o novo Estatuto da Nacionalidade Histórica de Galicia; como unha oferta clara de diálogo constructivo e, tamén, como unha garantía de respecto os dereitos de opinión e participación do pobo
galego.

Liñas mestras da proposta do P.G.

ESTATUTO DA NACIONALIDADE HISTÓRICA DE GALICIA

O Estatuto actual procura autonomía administrativa territorial, a reforma que propón o P.G. incorpora o concepto de que o Estatuto ten, no caso da Galicia, que recoñece-lo feito plurinacional da Identidade Galega que é o cerne da lexitimidade histórica de calquera autogoberno administrativo sobre territorios-. Non se trata, para nós, tan só de autonomía territorial, senón que o obxectivo é a o autogoberno dos intereses galegos que nunca son a expresión dun territorio físico e sí dun colectivo social. Para os Galeguistas, o novo estatuto ten que introducir un anovado concepto da Galicia, unha reformulación ampla que transforme a idea, para nós desfasada, de que o Estatuto é unha ferramenta de administración dun determinado territorio a outra, moito mais conectada coa realidade, que é a de que o Estatuto é unha ferramenta de administración dos intereses do colectivo socioeconómico formado polos galegos. Neste senso, no artigo primeiro do anteproxecto do título preliminar da proposta galeguista para o Estatuto da Nacionalidade Histórica de Galicia sinalase que a Identidade Galega é unha realidade histórica non subsidiaria, unha igualdade que, independentemente do valor das variables que conteña a súa formulación, verificase sempre e non é susceptible de ser o resultado dunha concesión nin de un aforamento ou
privilexio outorgado. Para nós, esta ampliación conceptual do Estatuto de Galicia, xurdida do
social, é absolutamente imprescindible para que os poderes galegos pasen a representar, dun xeito eficaz e real, tanto os galegos radicados na Galicia que recoñece o Estatuto do 81 como aqueles que están espallados polo mundo. Xa que logo, o artigo segundo do borrador do título preliminar, considera que a Identidade Galega acada a súa expresión universal e legal a través do Estatuto da Galeguidade, marco que regula o outorgamento da Carta de Natureza a tódolos galegos ou descendentes de galegos, independentemente da nacionalidade que figure no seu pasaporte, cos conseguintes dereitos e deberes como cidadáns de pleno dereito do Estado e da Unión Europea. Na mesma liña de pensamento galeguista, no artigo tres, sinalase que a Nacionalidade Histórica de Galicia é a expresión territorial da Identidade Galega, sendo a herdeira lexítima dos dereitos históricos do Reino de Galicia. En resumo, tal como figura no artigo catro do anteproxecto, para o P.G. o Estatuto da Nacionalidade Histórica de Galicia é o marco que define o réxime básico dos dereitos e liberdades dos cidadáns galegos e os poderes e institucións da súa organización política e territorial.
Partido Galeguista