Skip to main content

O SLG iniciará mobilizacións se a Xunta non dá marcha atrás no recorte das Indemnizacións Compensatorias

O Sindicato Labrego Galego solicitará no transcurso desta mañá unha reunión urxente con responsábeis da Consellería de Política Agroalimentaria para abordar a problemática derivada do forte recorte que se está a dar nas Indemnizacións Compensatorias de Montaña e Zonas Desfavorecidas.
No SLG estamos recompilando datos e, polo de agora, podemos dicir que este recorte de axudas achégase ao 50%. Para o Sindicato Labrego isto é inaceptábel, pois esta liña de subvencións é importantísima para conservar a poboación rural en zonas que, polas súas condicións orográficas ou climatolóxicas, teñen dificultades engadidas para realizar actividades agrarias e gandeiras. Sen estas indemnizacións, moitas explotacións agrogandeiras, fundamentalmente nas provincias de Lugo e Ourense, terán que pechar as portas e cesar a súa actividade, agudizando aínda máis a desertización e desmantelamento do medio rural galego.
Dende o Sindicato Labrego Galego agardamos a boa disposición da Consellería de Política Agroalimentaria para poñer solución a este problema. Polo de agora, o SLG xa iniciou unha campaña de información e sensibilización entre as persoas afectadas por este recorte das axudas. En caso de que a Xunta non dea unha resposta rápida e contundente para atallar a crise, o SLG iniciará un proceso de mobilizacións.
Sindicato Labrego Galego (SLG)