Skip to main content

Política Agroalimentaria comparte co SLG a necesidade de manter a totalidade das Indemnizacións Compensatorias

Tralo encontro, o Sindicato Labrego valorou positivamente que a Consellería de Política Agroalimentaria comparta a necesidade de que este tipo de axudas se manteñan na súa totalidade. Neste senso, cómpre lembrar que Política Agroalimentaria puxo este ano un límite máximo de 950 euros por axuda, cando a lexislación permite que as ICM poidan chegar ata 2.000 euros, dependendo do número de hectáreas e das cabezas de gando. As explotacións que levarán o 100% da axuda serán as máis pequenas. Política Agroalimentaria argumentou como motivo principal para executar esta drástica mingua que o financiamento do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA) non era suficiente para pagar o 100% das ICM, o cal xa sucedeu en anos pasados. Ata o de agora, lográronse acadar os fondos suficientes para acabar cubrindo todos os pagos e, na entrevista mantida, Miguel Fernández afirmou que este ano estase a traballar no mesmo camiño, polo que aínda pode existir esperanza de que se pague o que falta se a Xunta consegue recuperar máis diñeiro do FEOGA. Dende o Sindicato Labrego apreciamos con cautela as intencións da Consellería, pois as esperanzas non se poden entender como compromiso, e as solucións presentadas por Miguel Fernández dependen de factores alleos a Política Agroalimentaria. De todos xeitos, os representantes do SLG e o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria coincidiron en que estas subvencións deben ser prioritarias, pois favorecen ás zonas rurais máis deprimidas de Galiza, inflúen positivamente nas explotacións de tipo extensivo, están vinculadas directamente á actividade agraria, e compensan as diferencias que existen entre os escasos ingresos do labor agropecuario e os altos custes de produción derivados do mesmo.
Sindicato Labrego Galego (SLG)