Skip to main content

O Foro Novo Estatuto presentou a súa web

A nova web do Foro Novo Estatuto, presentada o mércores 24 na Fundación Granell, foi definida por Xosé Ramón Pousa, profesor da USC e poñente do Foro, como unha experiencia de democracia participativa na que se abre por primeira vez a redacción dun proxecto de Estatuto a toda a sociedade galega. En palabras de Pablo González Mariñas, responsable da ponencia de Administración Pública, non queremos facer o Estatuto dos Quince expertos, senón o Estatuto da sociedade galega, no que calquera persoa ou asociación pode achegar as súas propostas, salientou. Segundo o ex conselleiro, estamos a traballar nun Estatuto do século XXI, que certificará a entrada de Galiza na Europa máis moderna. Mariñas quixo aclarar ademais que o nacionalismo non é contrario ao europeísmo.
Con respecto á necesidade de facer unha reforma ambiciosa do Estatuto, Mariñas recoñeceu que non entendería co que está a chover que a sociedade galega non lle prestara atención a este tema. Na súa opinión, o Estatuto é o símbolo do país político, é a carta na que o país se expresa, polo que fixo un chamamento a que o pobo galego se pronuncie e diga a onde quere chegar no autogoberno.
Asemade, este profesor de Dereito da USC criticou o PPdeG por querer evitar o debate do Estatuto, xa que Fraga está a facer todo o posible por aparcar a cuestión ata despois das eleccións. Logo de cualificar a proposta do PSdeG como pouco ambiciosa, chamou a todas as organizacións políticas a que non desaproveiten a ocasión plantexada polo Goberno Zapatero, que se comprometeu a respectar as propostas de reforma dos Estatutos. Hai que coller este tren, non podemos perder outro máis, concluíu González Mariñas.
 
Comunicación Foro Novo Estatuto