Skip to main content

ADEGA apoia á veciñanza de Sanxenxo organizada na Plataforma Ronda Non

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza quere facer manifesto o seu apoio as demandas dos veciños e veciñas de Sanxenxo, opostos á construción da variante da C-550 a través do municipio.

A escusa para a súa construción é a mellora o tráfico no verán. Isto non é certo, simplemente traslada o problema dun punto do municipio a outro. A realidade apunta a proxectos especulativos de recalificación de terreos, como indican o número de rotondas previstas (7), preparadas para dar entrada ao incremento do tráfico froito da construción de urbanizacións propiciada polas futuras recalificacións.

Os planos deste novo vial, que contemplan unha estrada de 4 carrís máis dous de servizo ao longo de 4,4 km. atravesan a zona rural do municipio dividindo aldeas e parroquias e destruíndo casas.

Esta división creará un efecto barreira divisorio sobre as interaccións sociais propias dunha zona rural consolidada, empeorando irremediablemente a calidade de vida das veciñas e veciños. O derrubo de vivendas e afección sobre outras implicará unha alteración importante na estrutura demográfica da zona debido ao obrigatorio cambio espacial da poboación polas expropiacións necesarias e pola dificultade de movementos que supón o efecto barreira anteriormente mencionado. A variante/ronda tamén provocará un importante deterioro na calidade do aire da zona debido ás emisións de partículas, metais pesados e gases tanto froito das obras como polo importante incremento do tráfico. Os niveis sonoros provocados pola construción e o posterior emprego da variante, superarán amplamente as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) tanto en decibelios diúrnos como nocturnos. O novo vial fomentará o emprego do automóbil privado e as dinámicas de urbanización difusa, promovendo a construción de urbanizacións que contribuirán ao aumento do tráfico.

A solución aos problemas de tráfico pasa por unha aposta firme en favor dos modos de transporte non contaminantes e do transporte público colectivo, non polo favorecemento dende as administracións de operacións especulativas sobre terreos municipais, paso previo a unha urbanización difusa do territorio que unicamente contribúe ao deterioro do ambiente e a agravar os problemas de tráfico-
Adega