Skip to main content

O libro Peregrinos e peregrinacións investiga na consolidación do fenómeno xacobeo entre culturas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interveu na presentación do libro Peregrinos e peregrinacións como construtores de paz no Cristianismo, Xudaísmo e Islam, o segundo número da colección Compostela International Studies in Pilgrimage History and Culture, da editorial Ashgate, promovido polo Consello Superior de Investigacións Científicas a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Na presentación interviñeron tamén o director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara, así como o vicedirector, Antón M. Pazos, que afondaron no repaso dos diferentes temas que compoñen a publicación e resaltaron a súa proxección nos diversos centros de investigación de todo o mundo así como a súa contribución ao análise do contacto entre as diferentes culturas.

Trátase da recompilación das conclusións do IV Coloquio Internacional Compostela celebrado no último Ano Santo que contou coa presenza de expertos no fenómeno das peregrinacións e a través da publicación desta serie de obras que proxectan e difunden as principais conclusións e avances investigadores postos de manifesto nese encontro.

O estudo e a investigación sobre as peregrinacións e a súa relación cos procesos de construción da paz, así como a evolución destas ao longo dos diversos procesos históricos son o eixe desta obra que se suma ás publicacións que manteñen vivos e que sustentan fenómenos como a peregrinación a Santiago de Compostela.

Iniciativas científicas e divulgativas con motivo do VIII Centenario
A directora de Turismo incidiu tamén no feito de que Galicia acolle ata mediados de 2015 os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Nava Castro resaltou que durante a celebración desta efeméride Galicia ofrece a oportunidade de afondar no coñecemento sobre a figura de San Francisco e tamén sobre o culto xacobeo.

A conexión entre a espiritualidade franciscana e a peregrinación así como a súa contribución á universalización do fenómeno xacobeo configuran, segundo explicou a directora de Turismo, o corpo desta conmemoración cultural. E engadiu que “o obxectivo é poñer en valor o destino Galicia dende outra perspectiva asociada ao valor histórico e patrimonial dos legados xacobeo e franciscano”.

Así, lembrou que neste tempo Galicia concentra multitude de eventos culturais, artísticos, sociais, actuacións de investigación e actividades congresuais. Tamén comentou que en setembro, Santiago de Compostela será a sede do I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo, un encontro auspiciado tamén pola Organización Mundial do Turismo que reunirá na cidade meta do Camiño de Santiago a representantes e expertos nos fenómenos de peregrinación mundial actual.

De igual modo, lembrou o traballo dos voluntarios e dos integrantes das máis de 200 asociacións de Amigos do Camiño que hai en todo o mundo e explicou que en maio de 2015 a cidade de Santiago acollerá o Primeiro Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño. “Estas agrupacións realizan nos seus diversos países de orixe un importante labor de difusión e promoción e son verdadeiros embaixadores de Galicia a través de realización de actividades culturais, asistencia a peregrinos, edición de publicacións especializadas e realización de estudos sobre os camiños”, apuntou.

A directora de Turismo tamén incidiu en que a través das publicacións e estudos científicos vaise configurando “un corpo sobre o que se sustenta o mundo Xacobeo e que supón o legado que se transmite ao longo dos séculos. Lembrou a presentación a semana pasada do libro ‘As Floriñas de San Francisco’, un célebre texto do século XIV sobre a vida do santo de Asís.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia