Skip to main content

Conde salienta o papel de Expourense como referente dos recintos feirais galegos

O conselleiro de Economía e Industria e presidente do padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Francisco Conde, salientou na presentación da Memoria de actividades 2013 o importante papel que xoga na dinamización económica de Ourense este recinto feiral que se consolida ano tras ano como un referente en Galicia.

Conde lembrou que Ourense é unha absoluta prioridade para a Xunta, comprometida co reequilibrio territorial, e que neste contexto Expourense se configura como unha ferramenta clave para a cooperación, conseguindo involucrar os diferentes axentes económicos e sociais na súa actividade, e un núcleo prioritario ao que seguir apoiando como “motor para o crecemento e o emprego”.

O conselleiro de Economía e Industria afirmou que as máis de 123.000 persoas que visitaron o ano pasado Expourense son testemuña do saber facer dunha institución de cuxo traballo se beneficia todo o tecido empresarial ourensán e o conxunto da sociedade, abrindo novas oportunidades de negocio para empresas e emprendedores, servindo de ponte cara novos mercados e clientes, e impulsando a calidade e a capacidade innovadora das empresas.

Neste sentido, Conde lembrou que precisamente emprendemento, internacionalización e innovación son os eixos de actuación do traballo do Goberno galego para apontoar a reactivación da economía. Destacou ademais que a actividade de Expourense vai máis alá do local, e fixo así fincapé na cooperación transfronteiriza con Portugal, a participación da Fundación en diferentes institucións e foros institucionais, ou o apoio á chegada das empresas galegas a novos mercados a través da rede de delegados en 18 países.

Afirmou o conselleiro de Economía e Industria que esta aposta internacional se reforza ano a ano, destacando que neste 2014 tres das feiras de Expourense contan co selo de internacionalidade: Xantar, Funergal e Termatalia. Conde, que destacou que as actividades de Expourense serven para potenciar sectores estratéxicos para a provincia e teñen un efecto multiplicador no seu entorno, salientou que esta institución está a contribuír de maneira clave na reactivación económica da provincia, avanzando na proxección exterior do seu tecido emrpesarial, servindo de plataforma para que autónomos e emprendedores poidan atopar novos clientes e mercados, e acollendo e impulsando novas iniciativas.

“Os retos cada vez son máis altos, e estou convencido de que entre todos, traballando en rede, poderemos conseguilos”, salientou o conselleiro, quen felicitou a todo o equipo de Expourense polo seu traballo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia