Skip to main content

Enredando, Artesanía na Escola, achega os oficios artesanais aos nenos galegos

O proxecto Enredando, artesanía na escola, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, chegará este trimestre a un total de 16 centros educativos de diferentes concellos galegos co obxectivo de achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego.

A nova edición desta iniciativa, posta en marcha hai catro anos e na que xa participaron máis de 15.000 alumnos de toda Galicia, centrarase ata final de curso na primeira fase da unidade didáctica O Gremio da seda, na que o alumnado participará no proceso de produción da seda, desde a cría e evolución dos vermes ata a extracción desta para a confección do fío na seguinte fase.

A actividade, na que os alumnos continuarán a traballar o curso que vén, botou a andar esta mañá no CPI Arcos de Furcos de Cuntis. Nas próximas semanas achegarase ata os centros de educación infantil e primaria Francisco Vales Villamarín de Betanzos, de Teixeiro (Curtis), Oza dos Ríos (Oza- Cesuras) e Presaras (Vilasantar), na provincia da Coruña; así como aos CEIP de Cervo, Gregorio Sanz (Ribadeo), Lois Tobío (Viveiro) e Nº1 de Foz, na provincia de Lugo. En Pontevedra os centros que participan nesta edición, ademais do CPI Arcos de Furcos, son o CEIP Santa Lucía de Moraña, o CPI de Pontecesures e o CEIP de Baño- Xanza (Valga). En Ourense, desenvolverase no CEIP de Beariz, Virxe da Pena da Sela do Irixo, e Eulogio Gómez Franqueira, de San Amaro, así como no CPI Terras de Maside.

Enredando, artesanía na escola conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxa segunda tempada continúa desenvolvéndose en diferentes centros educativos.

Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia, que se vén de poñer en marcha co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia