Skip to main content

A asociación Galicia Fiddle e Cultura promoven unha xira do violinista Darol Anger

A Asociación Cultural Galicia Fiddle trae a Galicia o recoñecido violinista Darol Anger, intérprete de prestixio internacional, no marco dunha xira que percorrerá do 18 ao 25 deste mes de maio diversos espazos das catro provincias e que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e mais da Deputación Provincial de Pontevedra.

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, destacou na rolda de prensa de presentación da xira a súa “dobre vertente musical e educativa, xa que, por unha banda, haberá unha programación de concertos e, por outra, unha serie de clases maxistrais e obradoiros para rapaces e rapazas que están a aprender a tocar instrumentos de corda”. “Esta –precisou Vázquez Abad– é unha liña de traballo na que vén realizando unha tarefa constante Galicia Fiddle, unha asociación moi implicada en favorecer unha formación rica en Galicia no campo dos instrumentos de corda e a presenza de músicos prestixiosos, pola súa calidade, nos nosos escenarios”.

Na presentación, que tivo lugar hoxe no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola deputada de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez; polo presidente de Galicia Fiddle, Alfonso Franco; e polo vogal da asociación Anxo Pintos.

Concertos e obradoiros nas catro provincias

O parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín será o escenario de inicio, o 18 de maio, da xira galega de Darol Anger, que continuará o 19 en Lugo na Casa do Saber, o 20 no faro de Fisterra, o 21 no Hotel San Francisco de Santiago de Compostela, o 22 en Vigo na Etrad (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional) e n’O lagharto pintado, o 23 e 24 en Xustáns (Ponte Caldelas) nos Estudios Ancestrais, e o 25 no castelo de Soutomaior.

“Por parte da Xunta de Galicia –afirmou o conselleiro– quixemos poñer o foco da nosa colaboración na actividade que se vai realizar no castelo de Soutomaior, porque pensamos que programar nos espazos sobranceiros do noso patrimonio é unha maneira de lles dar vida, de os poñer en valor e, ao mesmo tempo, de outorgarlles tamén ás actividades un plus grazas a ese marco de historia e beleza, que sempre contribúe a facer a experiencia máis singular e especial.

No castelo de Soutomaior terá lugar, ás 12 horas, un obradoiro de corda no que os violonistas de chelistas máis novos aprenderán distintos recursos cos que poderán acompañar unha canción interpretada por Emy Phelps, prestixiosa cantante e guitarrista de country que actuará con Darol Anger na súa xira por Galicia. Ademais, traballarán sobre una melodía que arranxarán dun xeito divertido, introducindo a técnica de arco “chop", incorporada por Darol Anger ao violín e que está a revolucionar o ensino dos instrumentos de corda. A segunda parte da xornada musical, ás 20 horas, consistirá nun concerto ofrecido por Darol Anger e Emy Phelps, no que tamén participarán os rapaces e rapazas asistentes ao obradoiro.

San Simón Fiddel, referente da formación musical

A xira de Darol Anger quere actuar, ademais, como a carta de presentación dunha das citas de formación musical de referencia en Galicia, que é o campamento de verán para rapaces e rapazas de 8 a 17 anos que Galicia Fiddle, coa colaboración da Fundación Sondeseu, realiza na Illa de San Simón, o San Simón Fiddle, e que terá lugar na segunda semana do vindeiro mes de xullo.

Este curso de instrumentos de corda para repertorios de música tradicional, que tamén conta co apoio da Consellería, constitúe un encontro de formación centrado na interpretación en grupo, na capacidade de improvisación musical e no gozo colectivo da interpretación, que este ano incorporará unha novidade: a apertura das portas de San Simón a alumnado doutros países. Isto permitirá contar con rapazas e rapaces doutros ámbitos culturais que convivirán nesta experiencia musical cos nenos e nenas galegos.

Ademais de violín folk, no curso haberá un grupo de violoncello e outro de guitarra folk. Xunto coas clases de corda, os rapaces gozarán dun importante abano de actividades que inclúen talleres de musicalización de cine mudo, prácticas con serróns musicais, baile tradicional, percusión, bailes de disfraces, aprendizaxe de cancións populares, contos sobre os trobadores, elaboración de xabóns naturais, xogos de tradición oral, etc.

O conselleiro afirmou que “a xira de Darol Anger, que ademais de intérprete é un dos mestres pioneiros americanos na tarefa didáctica, con experiencias semellantes á que nestes últimos anos se vén desenvolvendo en San Simón, permitirá lanzar esta proposta formativa galega ao ámbito internacional”.

Programacións culturais e educativas

A Consellería vén realizando “un esforzo constante en promover programacións cunha dobre vertente cultural e educativa, para favorecer que os artistas en formación teñan espazos de aprendizaxe, pero tamén de exhibición e contacto real coa escena e cos mellores profesionais”, dixo Xesús Vázquez. Nese sentido, amosouse convencido de que tanto a xira de Darol Anger como o San Simón Fiddle van ser “dúas iniciativas que os rapaces e rapazas non van esquecer e que van alentar a súa ansia por tocar, por mellorar na interpretación musical e por ver na música unha ferramenta para a convivencia social con outros mozos e mozas do seu tempo, cos valores e experiencias que iso outorga”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia