Skip to main content

Os X Premios Rosalía de Castro recoñecen o labor de autores en linguas diversas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar, asinaron o convenio polo que ambas as entidades que representan renovan a súa colaboración para a celebración dos X Premios Rosalía de Castro. O galardón literario, que ten unha periodicidade bianual, foi instituído polo PEN en 1996 a iniciativa de Carlos Casares e ten como obxectivo recoñecer o traballo dos autores do resto do Estado español e dos sistemas literarios portugués, catalán, éuscaro e hispanoamericano.

Nesta décima edición, os escritores que reciben o recoñecemento serán Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos ‘Pepetela’ (Angola), Claudia Piñeiro (Arxentina), Antoni Serra (Mallorca) e Kirmen Uribe (Bilbao). O galardón consiste nunha placa artística, da que se fará entrega neste mes de maio no marco dunha solemne sesión literaria que terá lugar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, sede do Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela.

A relación dos galardoados e das galardoadas nas nove edicións anteriores confórmana persoeiros de renome no ámbito das letras internacionais, como José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Ricard Salvat, José Ángel Valente, Anjel Lertxundi, Ernesto Sabato, Nélida Piñón, Rubem Fonseca, Isabel Allende, Joan Perucho, Álvaro Mutis, Bernardo Atxaga, Francisco Brines, Pere Gimferrer, Carme Riera, Sophia de Mello, Felipe Juaristi, Mia Couto, Agustina Bessa Luís, Antonio Gamoneda, Itxaro Borda, Francesc Parcerisas, María Esther Vázquez, José Viale Moutinho, Enric Casasses ou Miren Agur Meabe.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia