Skip to main content

A xincana Díaz Castro na voz da xente, nas Letras Galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de poñer en marcha a xincana “Díaz Castro na voz da xente”, que chegará desde este mes e ata decembro aos sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) incluídos na itinerancia da mostra “Nimbos de luz”, coa que a Xunta de Galicia homenaxea a figura do autor guitiricense ao que se lle dedican as Letras Galegas 2014.

Segundo explicou García Gómez, “esta xincana lingüística é unha actividade complementaria da exposición, coa que a Consellería de Cultura e Educación quere achegarlle á rapazada a figura, a obra e a vida de Díaz Castro dun xeito lúdico, interactivo e divertido, e facer partícipe á RDL da celebración das Letras Galegas no marco da súa programación anual de actividades”.

O secretario xeral visitou a mostra “Nimbos de luz” no Centro Cívico de Cerceda e asistiu ás primeiras sesións da xincana, nas que participaron 160 escolares que cursan 1º e 2º da ESO no CEIP O Cruce. Acompañárono o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, e as concelleiras responsables das áreas de Cultura e Educación, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo e María Viqueira Iglesias, respectivamente.

García Gómez participou tamén no acto de entrega de premios do Certame Escolar de RadioNovela, convocado polo concello coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco do programa de dinamización lingüística Primavera das Letras.

‘Díaz Castro na voz da xente’ dentro da programación da RDL
A xincana lingüística ‘Díaz Castro na voz da xente’, xestionada por Xandobela, Xestión e Dinamización Sociocultural, chegará a sete concellos da RDL como complemento á mostra “Nimbos de luz”, que a Xunta de Galicia promove co gallo da celebración das Letras Galegas 2014. Nela participará alumnado de último ciclo de primaria e de secundaria das localidades de Cerceda, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, A Rúa, Cee e Celanova de maio a decembro, coincidindo coas estadías da mostra “Nimbos de luz”.

No desenvolvemento da actividade, a rapazada terá que ir superando, por grupos e guiada por monitorado, un total de catro probas ou retos relacionados coa vida e coa figura do persoeiro homenaxeado, nas que se combinan a compoñente histórico-lingüística coa dimensión lúdica e participativa: Penélope, Díaz Castro docente e tradutor, Nimbos de luz e Obra espallada.

As seguintes sesións da xincana serán o 28 de maio na Estrada, o 16 de xuño en Redondela, o 15 de xullo en Vilagarcía de Arousa, o 24 de outubro na Rúa, o 1 de decembro en Cee e o 18 de decembro en Celanova. Máis información en www.xunta.es/linguagalega/programacion_rede_de_dinamizacion_linguistica_2014.

‘Nimbos de luz’ percorre as catro provincias galegas
‘Nimbos de luz’ é a exposición coa que a Consellería de Cultura e Educación conmemora as Letras Galegas 2014. Comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo, permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual Díaz Castro, por medio de 14 paneis temáticos que ofrecen, de xeito gratuíto, folletos ilustrativos dos paneis e a proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, que afondan na figura do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, para dar a coñecer entre a cidadanía a vida e a obra do escritor ao que a RAG lle dedica este ano o 17 de maio.

Logo do seu paso por Guitiriz, Vigo e Pontevedra, a mostra remata mañá a súa itinerancia no concello coruñés de Cerceda. No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo deste ano, chegará neste mes de maio á Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (do 10 ao 26) e á nova Casa das Letras da Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño). Xa en xuño, poderase visitar no Multiúsos da Xunqueira de Redondela (do 13 ao 29); en xullo no Auditorio de Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30); en agosto no Real Seminario de Santa Catalina de Mondoñedo (do 1 ao 29); en setembro na Biblioteca Miguel González Garcés (do 2 ao 16) e na biblioteca nodal de Lugo (do 18 ao 30); e en outubro na Casa da Xuventude de Ourense (do 2 ao 16) e na Casa da Cultura da Rúa (do 18 ao 3 de novembro). A mostra rematará a súa andaina no derradeiro mes do ano no concello ourensán de Celanova (do 16 ao 30 de decembro), logo de facer parada no concello coruñés de Cee (do 1 ao 14 de decembro).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia