Skip to main content

O turismo galego promociónase en Shanghai, Cantón e Pequín

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia promove o turismo galego no mercado chinés, ao presentar a oferta da comunidade galega aos operadores turísticos máis importante das cidades de Shanghai, Cantón e Pequín.

Esta misión de promoción turística está organizada por Turespaña e recalará o luns día 12 de maio na cidade de Shanghai. Alí, Turismo de Galicia participará nunha presentación ao mercado turístico chinés, onde estarán presentes os principais operadores turísticos do país asiático. Mañá día 13, na mesma cidade, desenvolverase unha xuntanza de traballo na que Turismo de Galicia terá a oportunidade de expoñer ante os axentes de viaxe desta cidade chinesa os valores e os produtos turísticos da comunidade galega.

O mércores 14 de maio, a misión comercial trasladarase á cidade de Cantón, onde se desenvolverá outra xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos desta cidade.

Por último, Turismo de Galicia poderá participar nunha xuntanza cos principais axentes turísticos da capital chinesa, Pequín, o venres 16 de maio.

Camiño de Santiago

Por outra parte, Turismo de Galicia promoverá o Camiño de Santiago na feira International Christian Resources Exhibition, que se celebrará en Londres entre os días 13 e 16 de maio.

Trátase dun certame de carácter relixioso, no que Turismo de Galicia instalará un recinto de 21 metros cadrados.

Esta feira desenvolverase na contorna de Sandown Park e conta con ser a feira relixiosa de meirande éxito no Reino Unido, cunha longa traxectoria, xa que este ano celebra a súa 30 edición.

Neste certame, ao que Turismo de Galicia acode por segunda vez, estarán presentes expositores especializados en ofrecer produtos turísticos de carácter relixioso, a través de empresas, colectivos, asociacións, organizacións e institucións eclesiásticas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia