Skip to main content

Reunión en Compostela de presentantes de Turespaña e de Turismo das Comunidades

“Baseámonos na idea de ser unha comunidade turística na que non só operan as empresas e traballadores do sector, senón todos os galegos”. Con estas palabras o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que Galicia foi construíndo unha filosofía do turismo que ten o seu primeiro principio na idea de que o turismo é unha empresa colectiva de todo o pobo anfitrión.

“O turismo, tal e como nós o concibimos, non é un sector, senón a sociedade enteira”, dixo, ao que engadiu que o gran logro destes anos é que os galegos interiorizamos esa responsabilidade, de tal xeito que “cando alguén chega á nosa terra, encóntrase cunha ‘recepción’ de millóns de persoas encantadas de mostrar o mellor do que somos”.

Nesta liña, o titular do Goberno galego asegurou que a esta filosofía contribuíron tamén instrumentos nos que se dá a man o privado e o público, como o Consello de Turismo de Galicia, e organismos capaces de aproveitar sinerxías e iniciativas, como o Clúster do Turismo. “Xuntos, o sector privado e a Administración, elaboramos un Plan integral de Turismo 2014-2016 no que se procura potenciar os nosos puntos fortes, e revalorizar outros menos coñecidos, como a riqueza termal, o atractivo dos nosos espazos protexidos, os trens turísticos, o turismo náutico, a enogastronomía, ou os centros para o ciclismo de montaña”, lembrou.

Durante o encontro mantido coa directora xeral de Turespaña e os directores de Turismo das comunidades autónomas que participan nunha xuntanza de traballo sobre o sector, Feijóo referiuse tamén a Galicia como un dos exemplos do efecto beneficioso da viaxe sobre a cultura e a relación entre os pobos. E, neste sentido, lembrou que Europa non nace dun conciliábulo cortesán, senón dunha ruta viaxeira que se orixina en moitos lugares e ten como destino Compostela.

“Había nese Camiño que hoxe seguen percorrendo millóns de peregrinos múltiples motivacións e, porén, a consecuencia foi similar. Como sucede hoxe co turista, o peregrino regresa ao seu fogar transformado. Podemos dicir que é outra persoa”, precisou.

O presidente da Xunta resaltou que, xunto á gran diplomacia de embaixadores e cónsules, existe outra case sempre anónima establecida pola persoa que viaxa. E, a este respecto, aseverou que cada viaxeiro se converte nunha persoa máis tolerante, máis aberta ao novo e máis disposta a entender a diversidade; nun axente activo da concordia. “O turismo abre unha fiestra que nos permite ver e que nos vexan. O turismo é sinónimo de diálogo, e antónimo de calquera monólogo, de calquera chauvinismo, de calquera xenofobia”, manifestou.

Feijóo concluíu a súa intervención felicitando á directora de Turespaña, Marta Blanco Quesada, e aos directores de Turismo das comunidades polo seu traballo, e expresou o seu convencemento de que a xuntanza de hoxe servirá para que o turismo siga enriquecendo o mundo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia