Skip to main content

O concerto Atlántic@s emociona en Micsur á comunidade galega en Mar de Plata e Bos Aires (Arxentina)

Os artistas galegos Uxía, Rosa Cedrón, Budiño e Narf estrearon en Mar del Plata (Arxentina) o espectáculo Atlántic@s, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para celebrar a ‘Noite Galega’ dentro do programa do Mercado de las Industrias Culturales del Sur (MICSUR). O concerto supuxo o colofón musical á participación da delegación empresarial e institucional galega desprazada estes días ao encontro cultural e comercial que aglutina os dez países latinoamericanos de Mercosur.

Os músicos conseguiron encher e poñer en pé o Teatro Colón de Mar del Plata, que rexistrou unha elevada asistencia de membros da comunidade galega nesta cidade e tamén dos organizadores e dos acreditados en MICSUR. Atlántic@s resultou especialmente emotivo para os numerosos espectadores galegos, que celebraron o desembarco dos músicos en Mar del Plata e entoaron os temas máis populares interpretados por Uxía, a directora artística deste espectáculo.

Durante máis de dúas horas de actuación, o recital engarzou os sons tradicionais cos contemporáneos, o rock da man de Narf, a voz única de Rosa Cedrón e a mestría instrumental de Budiño. O espectáculo, que contou co acompañamento dunha banda formada por Sergio Tannus, Gutier Álvarez e Isaac Palacín, acadou un dos seus momentos culminantes cando Uxía baixou do escenario acompañada polos músicos para cantar entre o público que se atopaba no patio e butacas.

Tras esta triunfante estrea, os artistas partiron a Bos Aires, onde a pasada noite realizaron outro pase de Atlántic@s no Teatro Sha da capital arxentina. Alí, unha vez máis, as influencias culturais entre Galicia e Arxentina estiveron presentes en todo momento.

Atlántic@s é un dos froitos obtidos no marco de desenvolvemento conxunto e de colaboración institucional xerado en MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas, celebrado en novembro de 2013 no Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, organizado polo Goberno de la Nación Arxentina e pola Xunta de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia