Skip to main content

Unha inxección de 300.000 euros reforzará o apoio ás festas de Interese Turístico

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución pola que se establecen as bases reguladores para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de Interese Turístico de Galicia.

Galicia conta con 117 festas con algún tipo de declaración pola súa singularidade e raigame, así como pola súa capacidade de atracción de visitantes. De xeito que 7 festas de Galicia están distinguidas como Festas de Interese Turístico Internacional; 12 festas galegas contan coa declaración de Festa de Interese Turístico Nacional e un total de 98 festas son de Interese Turístico de Galicia.

A Administración turística ven de convocar esta liña de axudas para promocionar estes festexos que teñen singularidades e recoñecemento e prestixio a nivel autonómico e que supoñen un importante reclamo de atracción turística e mais un incentivo para as economías locais.

O orzamento destinado a esta orde de axudas é de 300.000 euros e as actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.500 euros. Poderán ser beneficiarios da subvención os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se celebren durante o ano 2014 festas declaradas de Interese Turístico de Galicia e tamén as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios nos que se celebren festas con esta declaración.

Serán gastos subvencionables os relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc. No caso da celebración de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.
O prazo de presentación de solicitudes para as axudas 2014 será dun mes contado a partir da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Pode obterse máis información na web de Turismo de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia