Skip to main content

Sogama incrementa a súa achega á reciclaxe en preto dun 150%

Sogama incrementou a súa achega á reciclaxe en preto dun 150 por cento. Se no primeiro trimestre do ano 2009 remitía á industria transformadora un total 4.589,97 toneladas de materiais contidos na bolsa amarela (envases lixeiros) e negra (fracción resto), no mesmo período do 2014 esta cifra ascendeu a 11.317,68 toneladas.

INCORPORACIÓN DO VIDRO E ACEIRO RESIDUAL

No caso dos envases lixeiros (envases de plástico –de alta e baixa densidade, pet e mixto-, latas –de aceiro e aluminio- e briks), estariamos a falar de 3.080,28 toneladas separadas de forma automática (a través de lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault e campás aspiradoras) na planta de clasificación do seu complexo industrial de Cerceda (A Coruña).

A evolución da mellor calidade do material que sae desta instalación con destino aos centros recicladores, previamente prensado e embalado, foi constante durante os últimos anos, pasando das 2.218,72 toneladas recuperadas de xaneiro a marzo do 2009, ás 3.080,28 do 2014.

Respecto do lixo en masa, contémplase a segregación do aceiro e aluminio contidos no mesmo, aos que este ano, e por primeira vez na súa historia, a Sociedade engade o aceiro residual, é dicir, aquel que polas súas características ou tamaño non é captado polos sistemas electromagnéticos, e o vidro, que separa a través de mesas densimétricas e envía a unha planta de cribado emprazada no lugar de Areosa (Cerceda), viaxando dende aquí a unha instalación da localidade ourensá de Verín para que o vidro se someta a unha nova fase de depuración, remitíndoo ás vidreiras, onde se transforma en novos envases.

A recuperación destes dous materiais (vidro e aceiro residual) posibilitou que a empresa sume 6.516,62 toneladas máis de refugallo ao circuíto da reciclaxe, propiciando que estes se convertan en novos produtos de utilidade, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas.

De feito, e se se atende unicamente á recuperación do vidro procedente do residuo xenérico, Sogama fará posible que a reciclaxe deste material en Galicia se incremente en aproximadamente un 80 por cento.

A RECICLAXE, CON GARANTÍAS

A Sociedade Galega do Medio Ambiente quere garantías, e por iso esixe aos recuperadores que acrediten, conforme á lexislación vixente, o tratamento e reciclaxe dos residuos entregados pola empresa, requirindo por isto a achega dos correspondentes certificados expedidos polos recicladores autorizados. Deste xeito xustifícase a trazabilidade dos materiais, garantindo a súa transformación en novos produtos.
Mª Esther Campos Mosquera (Responsable de Comunicación)