Skip to main content

Os gañadores do concurso de curtas de animación en galego, no Festival de Cans

O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, visitaron o Festival de Cine de Cans na compaña dos 38 escolares e os 4 docentes do CEIP de Leirado convidados a participar na actividade ‘Cans do futuro’ por Cultura e Educación, en colaboración coa dirección do Festival de Cine de Cans.

Vázquez Abad animou os estudantes a afondar no seu coñecemento do mundo do cine e a continuar creando e expresándose en galego a través dos medios audiovisuais. O conselleiro explicou que “Nós tamén creamos! e o Festival de Cans son dous xeitos diferentes e complementarios de facer cultura cinematográfica en galego e desde unha perspectiva galega”.

Antes de facer con eles unha fotografía de recordo no xa famoso chimpín, o alumnado tivo ocasión de percorrer acompañados polo director do Festival, Alfonso Pato, a aldea de Cans e de coñecer así as instalacións onde se desenvolve esta semana un dos encontros cinematográficos máis representativos de Galicia. Tamén asistiu ao pase de varias curtas de distintos xéneros e mantivo un encontro con Susana Sotelo, directora da curtametraxe documental “Querida Gina”, unha das que o estudantado puido ver proxectadas.

Cans do futuro

Os nenos e nenas do CEIP de Leirado son os gañadores dun dos premios da pasada edición de Nós tamén creamos! pola curta de animación “Ernesto Bo Día” que eles mesmos elaboraran coa técnica stop-motion. O seu traballo vese recoñecido unha vez máis co convite do Festival de Cans e da Consellería de Cultura e Educación para participaren en ‘Cans do futuro’, unha actividade dirixida a escolares e destinada a darlles a coñecer de primeira man este festival de cine. As sesións de Cans do Futuro do Festival de Cans 2014 estanse desenvolvendo desde o mércores e ata mañá venres. A elas acode alumnado de diferentes centros educativos do concello do Porriño ou doutros concellos próximos.

Nós tamén creamos!

Nós tamén creamos! é un programa de dinamización lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia e con OQOeditora a través do cal escolares de educación infantil e de primeiro e segundo ciclo de primaria elaboran curtas de animación en galego que adaptan narracións literarias. O profesorado recibe materiais e formación –desde o curso 2013-2014, no marco do Plan Proxecta- para levaren adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.

Nós tamén creamos! fomenta o uso do galego nos centros educativos en novos espazos e soportes; a innovación na aprendizaxe de linguas; unha relación positiva dos rapaces e rapazas coa lingua galega; a lectura e a creatividade no idioma propio de Galicia e a presenza do galego en internet.

Apoio ao Festival de Cans

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén da AGADIC, co Festival de Cans no desenvolvemento da undécima edición deste certame de curtametraxes galegas, que ten lugar do 21 ao 24 de maio nesta aldea do Porriño da que toma o nome.

Ademais da proxección das 17 curtas e dos 18 videoclips que entran a concurso, o programa inclúe estreas de longametraxes, concertos, coloquios, presentacións de novos proxectos e a celebración do 20 aniversario do ‘boom’ do rock galego, así como a actividade Cans do Futuro, dirixida a escolares.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia