Skip to main content

A iniciativa Galicia, pórtico universal percorre Barcelona, Hamburgo, Vitoria, Bos Aires e Córdoba (en América)

Comeza en Barcelona o percorrido de “Galicia, Pórtico Universal”, unha infraestrutura sinxela e versátil para a promoción exterior da Comunidade Autónoma. Inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula profesional de cata. Este ano, ademais, inclúe como novidades salientables diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a venda de produtos de cada consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

Todo este conxunto de actividades instálase en función das características do lugar onde se realiza, de tal xeito que se poden aproveitar estruturas xa existentes (tal foi o caso o ano pasado da Casa Torre en Santurce), baixo unha carpa, ou ben empregar un sistema mixto, adaptándose ademais con facilidade aos metros cadrados dispoñibles. No caso de Barcelona, “Galicia Pórtico Universal” instalarase no Moll de la Fusta (‘Peirao da Madeira’) do porto da capital catalá, entre o xoves 29 de maio e o domingo 1 de xuño.

Por iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, Galicia Calidade, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, púxose en marcha este proxecto, que ten como obxectivo a promoción de produtos de orixe galega, así como Galicia en xeral como referente turístico e de investimento pola alta calidade de todos os seus servizos, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, os galegos da diáspora actúan como embaixadores da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.

Salto a América

Con “Galicia, Pórtico Universal” o Goberno galego cumpre a resolución do Parlamento de Galicia do último debate sobre o estado da Autonomía. Nesa resolución, a Cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas comunidades galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.

Así, “Galicia Pórtico Universal” visitará este ano tres cidades españolas (Barcelona, Vitoria e Córdoba), unha en Alemaña (Hamburgo), e outra en América, dando así por vez primeira o salto á outra beira do Atlántico: concretamente para a posta en marcha de “Buenos Aires celebra Galicia” o vindeiro mes de setembro, tras o acordo acadado co Goberno da cidade da capital arxentina.

Segundo o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, esta área expositiva demostra dous feitos importantes. O primeiro, “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, optimizando os recursos, así como a posibilidade mesmo de tender pontes de colaboración con outras administracións”, afirma Miranda.

Para o secretario xeral da Emigración, o segundo feito “é aínda moito máis importante. A presenza da área pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa destas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños, e para acadar esa colaboración entre administracións que antes comentaba”.

Un proxecto que foi medrando

A área comezou o seu periplo cunha saída internacional, en maio de 2013, a Frankfurt, coincidindo coa Semana Cultural Galega da capital financeira alemá. Nesta primeira experiencia piloto, achegáronse ata a instalación case 4.000 persoas.

O seguinte fito foi o Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, que se celebraba o pasado xullo en Santurce, na marxe esquerda do Gran Bilbao. Mellorouse a infraestrutura interna, en especial pola aula de catas, que permitiu que se levase a cabo durante eses días unha ampla programación. Preto de 6.000 persoas visitaron a área.

A súa terceira etapa foi precisamente Barcelona, xa en setembro, no decurso das Xornadas Empresariais, Culturais e Gastronómicas de Galicia en Cataluña. Aí, o proxecto aínda medrou con novas incorporacións: áreas de información máis específicas, mostra de fotografías e pezas de artesanía, demostracións en vivo, e conferencias. Na capital catalá, máis de 9.000 persoas coñeceron este espazo itinerante sobre a calidade galega.

Na cuarta viaxe, a área tomou terra na Plaza Nueva de Sevilla, auténtico corazón da capital andaluza, coincidindo co V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais en Sevilla, organizado polo propio Concello hispalense, e que en 2013 se dedicaba precisamente a Galicia. Nesta ocasión, a área recibiu a visita, xunto con 11.000 persoas máis, do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia