Skip to main content

Destínanse case 25 millóns de euros á consolidación dos grupos de investigación universitarios do SUG

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a convocatoria de axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), mediante as modalidades de Grupos de Referencia Competitiva, Grupos con Potencial de Crecemento e Redes de investigación. Trátase dun total de 125 axudas, o maior número desde que se crease esta convocatoria en 2006. De feito, contando coas deste ano, o departamento educativo da Xunta de Galicia terá concedido nos anos 2012, 2013 e 2014 un total de 295 axudas, fronte ás 173 dos anos 2006, 2007 e 2008, en tempos de bonanza económica.

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad destina en 2014 a esta convocatoria 24,6 millóns de euros, case un 71% máis que a maior cantidade destinada antes de que comezase a crise (14,4 millóns en 2007). Só nos anos 2012, 2013 e 2014 o investimento ascende a 51,3 millóns, fronte aos 34,35 millóns do bipartito entre 2006 e 2008.

Esta convocatoria ten características excepcionais tanto polo que respecta ao seu importe, como polo número de grupos afectados. Galicia convértese con esta convocatoria na referencia para apoio investigador en universidades públicas, sendo a única comunidade que é quen non só de manter, senón incrementar os niveis de axudas a grupos competitivos de investigación por enriba dos importes anteriores á crise económica.

Este importantísimo investimento confirma a aposta da Xunta polo coñecemento e o I+D+i como motor do futuro de Galicia. Os importes das axudas irán destinados a financiar conceptos que se relacionen coa actividade de consolidación tales como o custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar, o pequeno equipamento e material funxible, o material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas, ferramentas de xestión do coñecemento e a información, a formación dos membros do grupo ou a organización de actividades de difusión, entre outros.

Modalidades

As axudas para Grupos de Referencia Competitiva van dirixidas á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación. Serán de aplicación por un período de dúas anualidades prorrogables a outras dúas, mediante o pago anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación. Así, a axuda constará de dous módulos, un fixo, por importe de 50.000 euros anuais; e outro variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, e que será de entre 20.000 e 50.000 euros ao ano.

No caso dos Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), a convocatoria diríxese á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG. As axudas serán de aplicación por un período de dous anos (3 anualidades), mediante o pago anual dunha contía fixa de 35.000 euros.

No referido ás Redes de Investigación apoiarase a grupos que promoven o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividade novos obxectivos en investigación. A bolsa consistirá nunha contía fixa anual de 60.000 euros, de aplicación por un período de dous anos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia