Skip to main content

Unha gala sobre o Katsuben nipón abre a mostra de cinema periférico S8

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou no Teatro Rosalía Castro da Coruña na gala de inauguración da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que desenvolve ata o domingo 8 de xuño unha ampla programación audiovisual en distintos espazos da cidade e que centra a súa actual quinta edición no cinema xaponés. En representación da Consellería como unha das principais entidades patrocinadoras deste evento, asistiu ao acto o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

A sesión de apertura da (S8), que estivo dedicada á figura do ‘katsuben’ ou ‘benshi’, decisiva na formación do cine nipón e exemplo da súa grande variedade de artes narrativas, constituíu ademais a primeira das actividades deste certame incluídas no Ano Dual España-Xapón. O narrador Raiko Sakamoto e o músico Joichi Yuasa ao ‘shamisen’ (instrumento de corda xaponés) interpretaron a banda sonora de ‘Jirokichi the Rat’, única película muda integramente conservada do lendario director Daisuke Ito.

A Mostra de Cinema Periférico, que ademais de proxeccións ofrecerá instalacións, exposicións, performances, obradoiros infantís e encontros cos cineastas convidados, cofinánciase cunha achega de 17.360 euros adxudicados por Cultura e Educación a través da primeira convocatoria pública de subvencións a festivais audiovisuais da Agadic. Estas axudas naceron co obxectivo de optimizar os recursos públicos para os festivais galegos de cinema, considerados de carácter estratéxico para o sector cultural, e favorecer así a súa crecente dinamización.

Das orixes á actualidade

A presente edición da (S8) dirixe unha ampla mirada á cinematografía nipona, considerada unha das producións máis importantes da historia do cine. A iniciativa forma parte das actividades desenvolvidas en todo o Estado dentro do Ano Dual España-Xapón, que conmemora os 400 anos de relacións bilaterais entre os dous países.

Así, nos vindeiros días, abordarase o pasado, o presente e o futuro da cultura audiovisual nipona a través do desenvolvemento dun programa de proxeccións que vai desde as súas orixes ata os nosos días, con fincapé nas vangardas, as novas expresións e as achegas dos últimos cineastas xaponeses, algúns deles presentes na Coruña durante a Mostra.

‘Sinais’ de Eloy Domínguez Serén

O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), entidade dependente de Cultura e Educación, súmase ás outras catro sedes do evento (Fundación Novacaixagalicia, Fundación Luís Seoane, Teatro Rosalía Castro e Quiosco Alfonso) para acoller as series centradas na produción audiovisual galega ‘Sinais en curto’ e ‘Sinais’, esta última sobre o realizador Eloy Domínguez Serén. Tamén se proxectarán no CGAI tres películas de mestres do cinema xaponés e se desenvolverá unha sesión dedicada ao emblemático Media City Film Festival de Canadá como festival convidado este ano pola (S8).

Outros contidos desta edición son a obra do mestre de cinema xaponés Takahiko limura, o programa ‘A través do retrovisor’ sobre a vangarda cinematográfica no país oriental, deseñado polo cineasta Daïchi Saïto; o apartado dedicado os membros do Grupo+ (Takadhi Makino, Rei Hayama e Shinkan Tamaki) ou o traballo de Teruo Koike e os seus ecosistemas gravados en celuloide, filmados en proxectados en Súper 8.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia