Skip to main content

A fábrica de Nestlé en Pontecesures celebra o seu 75 aniversario en Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que a aposta que fan multinacionais como Nestlé por Galicia constitúe a mellor demostración da capacidade industrial que ten a Comunidade. Unha terra, sinalou, “propicia para investir”, que se presenta ante o mundo como marco “estable e favorable” para os negocios e para a captación de investimento estranxeiro.

Durante a celebración do acto conmemorativo do 75 aniversario da fábrica de Nestlé en Pontecesures, o mandatario galego salientou que a capacidade industrial que ofrece Galicia está referendada polos datos. Puxo como exemplo o índice de produción industrial, que segue a manter o comportamento positivo amosado xa o ano pasado: un 0,4 % máis de media nos tres primeiros meses de 2014, sendo Galicia a Autonomía con mellor comportamento (3,2% fronte ao -1,7% de España).

Tamén se referiu Feijóo a que a utilización da capacidade produtiva na industria durante o primeiro trimestre do ano foi en Galicia 1,3 puntos superior á do Estado (76,8% fronte ao 75,5%), aproximándose cada vez máis aos niveis previos á crise económica, cando se situaban arredor do 80 %. E lembrou que o índice de pedidos da industria –o indicador conxuntural cuxo obxectivo é medir a evolución mensual da demanda futura dirixida ás ramas industriais- foi, no primeiro trimestre do ano, un 12,6% mellor que no mesmo período do exercicio anterior. Un dato que sitúa Galicia como a Comunidade Autónoma con mellor índice, con máis de 10 puntos por enriba da media nacional (do 1,8%).

Na mesma liña, o titular da Xunta remarcou que tamén os datos constatan que a galega é unha economía na que se pode confiar: o capital estranxeiro en Galicia incrementouse en 2013 un 18% ata chegar aos 219 millóns de investimento bruto.

Captación de investimentos, internacionalización, innovación e emprendemento

Segundo Feijóo, estes marcadores indican que a economía galega “comeza a recobrar o pulso e está a iniciar unha senda de crecemento”, por iso, dixo, a Xunta “vai seguir apostando polo tecido empresarial en Galicia e vai seguir facilitando investimento na Comunidade Autónoma”.

Neste sentido, referiuse a medidas como, por exemplo, o programa Galicia Inviste, que mobilizou, en 2013, 160 millóns de euros para a atracción e a dinamización de investimentos, tanto en empresas xa asentadas en Galicia como naquelas novas que quixeron establecerse na Comunidade.

Tamén aludiu ao impulso dado aos emprendedores e ás exportacións, e ao respecto sinalou que Galicia vai seguir exportando “entendendo que a exportación é a garantía para aguantar as conxunturas económicas do futuro”. Feijóo salientou a capacidade do tecido produtivo galego para saír a mercados exteriores e nesta liña puxo como exemplo a fábrica de Nestlé en Pontecesures que exporta preto do 50 % da súa produción.

Así mesmo, lembrou a posta en marcha do plan Galicia 1000, un paquete integral de financiamento posto en marcha recentemente para impulsar 1.000 novos proxectos empresariais a través dunha batería de medidas que mobilizarán 200 millóns de euros. Unha iniciativa para, segundo explicou, “superar as dificultades que aínda existen como consecuencia do estrangulamento do crédito en España como consecuencia da crise económica”.

No que se refire ao eido da innovación, Feijóo destacou a nova liña de apoio para a creación de polos tecnolóxicos mixtos por parte de empresas e organismos de investigación galegos. Trátase dun programa pioneiro, aprobado esta mañá polo Consello da Xunta, que permitirá mobilizar 30 millóns de euros para promover a creación de polos tecnolóxicos de excelencia en campos de alto impacto.

En definitiva, subliñou o presidente da Xunta, a estratexia é “aceptar que na economía global os territorios que sexan capaces de crear un ambiente institucional de seguridade e de previsibilidade teñen máis posibilidades; que a clave dunha empresa é a exportación a calquera lugar do mundo; que a calidade é fundamental para vender un produto e, por último que sen innovación non é posible a calidade e non é posible a exportación”.

Nestlé como referente

Na súa intervención, o mandatario galego destacou que a fábrica de Nestlé de Pontecesures se converteu, ao longo destes 75 anos, nunha das referencias da imaxe da compañía algo que, ao seu entender, é froito do traballo, da innovación, da calidade e da diferenciación dos seus produtos. Lembrou, ademais, que a firma aposta por Galicia, xerando riqueza e emprego, directo e indirecto, a través da compra de materia prima de primeira calidade como é o leite galego a máis de 230 explotacións da comunidade. Nesta liña instou á compañía a seguir confiando nos produtores galegos.

Feijóo rematou a súa intervención agradecendo que unha multinacional como Nestlé confiase en Galicia: ao inicio, cando escolleu a Comunidade para iniciar o seu proxecto e, máis recentemente, con novos investimentos que permitiron ampliar as instalacións, incrementar a capacidade produtiva e crear novos postos de traballo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia