Skip to main content

O presidente da Xunta destaca a traxectoria de Juan Carlos I e o futuro de Felipe VI

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a traxectoria de Juan Carlos I durante os seus 39 anos de reinado por facer da monarquía “un lugar de encontro”, e subliñou que o futuro rei Felipe VI será “a súa garantía de futuro” e a fará “máis próxima ás xeracións que están chamadas a ter un papel protagonista na España do século XX”.

Na rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello, o mandatario galego fixo unha valoración sobre a abdicación do Rei Don Juan Carlos e asegurou que, grazas á súa figura, a monarquía constitucional “converteuse durante estes 39 anos nun lugar de encontro capaz de acoller todo tipo de pensamento e ideoloxía”. “Sen ser de ninguén en particular, -dixo-, a monarquía constitucional pertence a todos; sen decantarse por ningunha tendencia, as protexe todas”.

O titular da Xunta recoñeceu que, para o Goberno galego, a traxectoria de Juan Carlos I “é a mellor resposta a aqueles que no comezo da Transición se preguntaban co lóxico escepticismo se a monarquía constitucional era a mellor forma do Estado”. “Como españois, sempre recoñeceremos que a monarquía de Don Juan Carlos I fixo realidade os soños de paz e de concordia de moitas xeracións de españois que buscaron un marco axeitado para a convivencia durante catro décadas”, salientou.

Feijóo expresou o agradecemento do pobo galego por “facer posible a España democratica” e, tamén, por “facer posible visións de España distintas con programas diversos, con obxectivos diferentes que se puideran alternar na dirección política do país sen convulsións nin revanchismo”.

“Como galegos, non podemos esquecer a contribución do monarca á construción dunha España, a España das autonomías. O autogoberno das comunidades autónomas e a defensa das culturas e das linguas sempre estiveron entre as preocupacións de Juan Carlos I, -recoñeceu-, e tamén esa solidariedade interterritorial que está no cerne do Estado das autonomías e sen a cal se desvirtuaría a propia formulación das autonomías”.

Galicia, proseguiu, “lembrará sempre a colaboración de Don Juan Carlos I cos grandes proxectos que ergueu a nosa terra e tamén a súa cercanía nos momentos de aflicción do noso pobo”. Segundo recoñeceu, o monarca “soubo engadir á grandeza da súa misión un carácter próximo que os galegos valoramos nas circunstancias especiais que vivimos; cando un rexedor ten que demostrar un talante humano, demostrouno”.

Así, manifestou que “Galicia ten, polo tanto, firmes esperanzas en que este paso trascendental e definitivo dado por Juan Carlos I redundará en beneficio da institución da monarquía constitucional parlamentaria e fortalecerá a nosa democracia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia