Skip to main content

A Cidade da Cultura, sede do encontro nacional do Programa Academia da UE

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou na inauguración do encontro Academia, que se celebra na Cidade da Cultura de Galicia. O encontro, que se enmarca na iniciativa Leonardo da Vinci, é un evento anual de mobilidade dirixido aos profesionais da orientación profesional e no que Galicia participa, como cada ano dende o seu inicio no curso 2001-2002, tanto como socio de acollida como enviando a profesionais galegos da orientación a Europa.

Manuel Corredoira salientou a importancia dun bo asesoramento en momentos como o paso do sistema educativo ao mundo laboral pero ademais recalcou a importancia de proxectos como ‘Academia’ xa que “precísase –dixo– que os orientadores traballen coordinadamente, así como establecer redes integradas de servizos que ofrezan aos usuarios información e asesoramento unificado, global e accesible, tanto no seu lugar de residencia como en contornos xeográficos máis amplos”. O director xeral de Educación tamén fixo referencia a LOMCE na que “o labor dos servizos de orientación nos centros educativos é fundamental”.

Desde a Consellería de Cultura e Educación considérase que é preciso que o sistema galego de información e orientación camiñe en consonancia coas tendencias europeas polo que se considera que iniciativas como o ‘Programa Academia’ son un bo exemplo do interese por establecer acciones coordinadas e coñecer o que se está levando a cabo en outros países europeos.

Neste sentido, a Consellería elaborou un programa de acollida no que durante cinco días Galicia recibirá un total de 46 persoas, entre coordinadores autonómicos, representantes do ministerio e participantes no programa co obxectivo de facer un estudo comparativo entre os sistemas educativos dos diferentes países e tratar temas como os relativos aos servizos de información e orientación profesional, o papel das novas tecnoloxías da información e comunicación na orientación, o rol que teñen os orientadores no desenvolvemento de plans de mellora ou como ou a importancia que ten que a formación dos profesionais sexa permanentes.

O ‘Programa Academia’ prevé que ademais de diferentes actividades como relatorios ou traballos en grupo tamén se realizarán visitas a diversos centros de formación profesional específica, a un centro de formación e recursos do profesorado, ao equipo de orientación específico de ámbito provincial, ó Museo Pedagóxico de Galicia, a centros de atención a persoas con descapacidade, aos servizos de orientación da Administración Local ou a Vicerrectorado da Universidade de Santiago.

Con estas actividades preténdese que os asistentes leven unha visión o máis ampla posible das accións de información e orientación profesional que se están desenvolvendo en España e, particularmente, en Galicia. Ao mesmo tempo esta visita permite coñecer as novas tendencias no campo da educación, formación e orientación que se desenvolven noutros países, e intercambiar experiencias entre profesionais.

Sistema de asesoramento en Galicia

Por outra banda, en España a ‘Ley Orgánica de las Cualificaciones y de la Formación Profesional de 2002’ destaca a necesidade de asesorar acerca das oportunidades de acceso o emprego e as ofertas de formación para facilitar así a inserción e reinserción laboral dos traballadores.

Neste sentido en Galicia, temos estructurado un sistema de información e orientación propio que supón, tal e como afirmaba Manuel Corredoira no seu discurso, “un paso fundamental no sistema educativo”.

Na actualidade todos os centros educativos de secundaria e de primaria teñen departamento de orientación o que nos fai contar cunha rede atendida por máis de 700 profesionais. Este compromiso da Consellería co asesoramento da mocidade entroca co espírito do ‘Programa Academia’ de ofrecer a todos os europeos a posibilidade de adquirir a cualificación e competencia que precisen para se integrar completamente na sociedade e contribuír á mellora profesional mediante a aprendizaxe permanente.

Aposta pola información e asesoramento

‘Academia’ é un proxecto europeo anual de mobilidade dirixido principalmente a orientadores e profesorado de Formación e Orientación Laboral (FOL), que está organizado polo Ministerio de Educación, a través do Centro Nacional de Recursos para a Orientación Profesional (CNROP), en colaboración coas Comunidades Autónomas.

‘Academia’ é outra das accións a través das que a Consellería de Educación favorece a preparación dos alumnos e alumnas que cursan ciclos formativos para se enfrontar ao mercado de trabalo. Grazas a estas iniciativas os titulados en graos medio e superior de FP acadan altos niveis de empregabilidade. Desta forma ademais ponse en valor a imaxe da Formación Profesional, que supón un auténtico sistema de oportunidades de acceso ao emprego e de mobilidade cara aos estudos universitarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia