Skip to main content

Proxéctanse no CGAI os documentais dos alumnos participantes en Cine en curso

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu na Coruña un cento de alumnos e alumnas de catro centros de ensino galegos para expoñer e proxectar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) as cinco curtametraxes documentais realizadas por eles mesmos dentro do programa ‘Cine en Curso’.

Os participantes, de entre 9 e 18 anos, e procedentes do CEIP A Rúa de Cangas de Morrazo, do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, do IES Terra de Trasancos de Narón e do IES O Mosteirón de Sada, compartiron a sesión cos demais convidados como colofón deste proxecto formativo internacional desenvolvido en Galicia pola Consellería de Cultura e Educación a través do CGAI no marco do Plan Proxecta da Dirección Xeral de Innovación Educativa.

‘Cine en Curso’ é un programa pedagóxico sobre cinema a través do cinema. A súa última edición 2013-14 veu realizándose desde o pasado outubro con diversos talleres impartidos conxuntamente por docentes e profesionais audiovisuais (realizadores, guionistas, directores de fotografía e montadores). Neles, os estudantes descubriron o cine desde o visionado de películas de todos os tempos e culturas ata a práctica cinematográfica, xa que os últimos meses de traballo dedícase á escrita dun guión, planificación, rodaxe e montaxe da súa propia curtametraxe documental.

Realidades próximas

Cinco dos filmes resultantes deste programa e que describen distintas realidades locais (‘Massó no recordo’, ‘A senda do tempo’, ‘Vida dunha fábrica’, ‘A telleira, pozos de lembranzas’ e ‘Construíndo música’) foron os que esta mañá se exhibiron e comentaron no CGAI, nun acto que foi introducido, en representación da Consellería, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, ademais do director do CGAI, Guillermo Escrigas, e da codirectora xeral de ‘Cine en Curso’, Laia Colell.

O director da Agadic, que comezou a súa intervención felicitando os alumnos e demais implicados nesta actividade “polo seu exemplo de capacidade de aprendizaxe, de rigor e de profesionalidade”, destacou a relevancia de ‘Cine en curso’ como ferramenta para a creación e consolidación dun público cultural creativo e crítico.

Salientou así mesmo os méritos xerais derivados da práctica cinematográfica, como son a capacidade de atención e observación sobre a realidade, o fomento da autonomía e da independencia individual, o exercicio da cooperación e da colaboración en equipo ou a asunción de responsabilidades individuais e colectivas. “Tamén o rigor, a autoestima, a ilusión, a paixón, as expectativas sobre un mesmo e sobre o grupo humano do que formamos parte”, engadiu Jacobo Sutil.

Enlazar cine e pedagoxía

De feito, a metodoloxía de ‘Cine en Curso’ baséase en enlazar os valores cinematográficos cos pedagóxicos, a través da apreciación do propio entorno e do rigoroso traballo persoal e en común que leva a cabo o grupo de participantes, moi diverso tanto polo abano de idade como polos contextos xeográfico, socioeconómico e cultural nos que se integran. Os talleres comparten prácticas e exhibicións, polo que tamén constitúen unha oportunidade para amosar a realidade propia á vez que para descubrir novos lugares. Así, durante o curso 2013-14 participaron un total de 47 centros educativos e 24 profesionais de Galicia, Cataluña, Madrid, Arxentina e Chile.

Os cen alumnos dos catro centros educativos galegos seleccionados para participar na modalidade de talleres de ´Cine en curso’ foron os que hoxe protagonizaron a xornada no CGAI, a través da proxección de cadanseus filmes e da conversa posterior sobre o proceso de creación e as experiencias vividas arredor dos mesmos.

Así, os alumnos e alumnas de sexto curso de Primaria do CEIP A Rúa, de Cangas de Morrazo, realizaron con ‘Massó no recordo’ unha peza documental sobre a recuperación da memoria da fábrica conserveira Massó; en tanto que os de quinto e sexto do CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes, dedicaron ‘A senda do tempo’ á canle do río Barragán e a súa contorna. Pola súa banda, os estudantes de bacharelato do IES naronés Terra de Trasancos presentaron un traballo sobre o oficio de luthier baixo o título ‘Construíndo música’, mentres que os rapaces de cuarto curso de ESO do IES O Mosteirón de Sada proxectaron dúas obras: ‘Vida dunha fábrica’, que retrata os traballadores e a actividade de Cerámicas O Castro, e ‘A telleira, pozos de lembranzas’ na que se evoca o labor cotiá na telleira local da familia Brandariz Vázquez.

Todo o proceso de creación destas películas, así como o de todos os centros participantes, pode seguirse en blog.cineencurso.org.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia