Skip to main content

O Salón Teatro acolle catro pases da película Encallados, de Alfonso Zarauza

O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle os catro pases cos que o filme ‘Encallados’, do realizador compostelán Alfonso Zarauza, comeza o seu percorrido por distintas salas galegas. En Santiago, esta produción de Zircozine proxectarase en sesión dobre o venres 13, ás 19.00 e ás 22.00 horas, e o sábado 14, ás 20.00 e ás 22.00 horas.

Esta comedia, preestreada a semana pasada no Teatro Principal, achega unha ollada interior cara ao mundo do cine desde a autocrítica, a melancolía e on humor. Os actores Xulio Abonjo (no papel de Alfonso), Federico Pérez (como Pato), Ricardo de Barreiro (no personaxe de Andy) e Farruco Castromán (no de Farruco) interpretan un grupo de amigos que se unen co propósito de realizar unha película co sumario xudicial do afundimento do ‘Prestige’ como pano de fondo. A fita conta tamén coas aparicións de Luis Tosar, Marcos Pereiro e Patricia Vázquez.

O filme, xurdido a partir dun proxecto inicial como película para televisión, recibiu o apoio económico da Consellería de Cultura e Educación a través dunha achega de 125.000 euros, procedentes da adxudicación en 2009 da convocatoria de subvencións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega con decidido contido artístico e cultural.

Venda de entradas

As entradas para os seus catro pases inaugurais en Santiago poden mercarse de xeito anticipado no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de luns a sábado entre as 18.00 e as 21.00 horas. Na billeteira do Salón Teatro, estarán dispoñibles desde unha hora antes do comezo das sesións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia