Skip to main content

Créanse 222 prazas de FP Dual que combina formación con remuneración

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten creado xa un total de 222 prazas en proxectos de Formación Profesional Dual, nos que a formación curricular se combina con actividade profesionalizante remunerada que o alumnos realizada nun contorno real de traballo, o que contribúe a abrirlles ao estudantes a porta do marcado laboral. O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de 10 novos destes proxectos, que se suman aos 5 que xa se están a desenvolver. En total colaboran coa Consellería na implantación en Galicia desta modalidade de FP 10 empresas ou asociacións, en concreto Coremain, UNVI, FEPROHOS, Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos da Coruña (APTCOR), Loida, Repsol, Arlea Hotels, Finsa/Foresa, Bosch Security Systems, e Media Markt.

No que atinxe ao resto da oferta de FP no réxime ordinario, no modular (presencial e a distancia) para adultos e no de FP a distancia, mantense, con modificacións puntuais para adaptala ás demandas da cidadanía. En total ofértanse máis de 27.000 prazas en 1º curso, nos réximes ordinario e modular e nas modalidade de presencial, a distancia e FP Dual en centros sostidos con fondos públicos

Cambios na oferta

O prazo de inscrición nos ciclos de réxime ordinario e modular comeza o 17 de xuño e remata o 4 de xullo. No caso da FP Dual, o prazo vai do 18 ao 27 de xullo, e a inscrición deberá realizarse nos centros que a oferten. Os que opten por esta modalidade poderán tamén solicitar praza no réxime ordinario e modular e, de non obtela na Dual, pasarán a formar parte do proceso de admisión da outra modalidade.

Deste xeito, cambian do réxime modular para persoas adultas ao ordinario o ciclo superior de Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos, no IES Audiovisual de Vigo, e o de Procesos e calidade na industria alimentaria, no CIFP Coroso de Ribeira. Así mesmo, no CIFP A Farixa de Ourense o ciclo de grao medio en Instalacións de telecomunicación no réxime ordinario é substituído polo ciclo de grao superior de Sistemas de telecomunicacións e informáticos no réxime das persoas adultas na modalidade de distancia.

No referente ás rotacións, o IES Moncho Valcarce das Pontes, oferta o 1º curso do ciclo de grao superior en Laboratorio de análise e de control de calidade (vense ofertando con carácter bianual); mentres que - na familia profesional Marítimo-pesqueira- este ano non se oferta o 1º curso do ciclo medio de Operacións subacuáticas e hiperbáricas, que rotará, ofertándose de novo o 1º curso no 2015-2016 (compre lembrar que este título LOE substituíu ao correspondente LOXSE que tiña un ano de duración).

No réxime das persoas adultas, na modalidade de distancia, incorpóranse á oferta os módulos que restaban para completar o ciclo superior de Desenvolvemento de aplicacións web no IES San Clemente de Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia