Skip to main content

O 30º Festival de Música Celta de Ortigueira promete unha edición para o recordo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co 30.º Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se celebrará na localidade coruñesa do 17 ao 20 de xullo. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; e mais o coordinador do evento, Alberto Balboa, subliñaron durante a rolda de prensa de presentación o carácter excepcional desta edición, que lle renderá tributo á historia do certame e contará como cabezas de cartel coas bandas The Chieftains e Milladoiro.

Ortigueira ultima os preparativos do evento musical, declarado de Interese Turístico Internacional, que, en palabras de Anxo Lorenzo, constitúe “un referente mundial do folk”, baseado nunha variada oferta de manifestacións artísticas que teñen como eixo principal unha ampla programación de concertos. Bandas consagradas e noveis comparten cartel neste festival, ao que o secretario xeral de referiu como “un dos principais escaparates da nosa música”.

Un ano máis, está previsto que miles de persoas visiten Ortigueira durante os catro días e tres noites de música que ofrece o festival na terceira fin de semana de xullo. En total, a carteleira desta nova edición inclúe 15 concertos, desfiles de bandas, actividades paralelas e acampada no piñeiral da praia de Morouzos. Todo de balde.

The Chieftains e Milladoiro

A programación do Escenario Alameda vén marcada pola esperada presenza en Ortigueira dos irlandeses The Chieftains, dez anos despois de que ofrecesen o seu primeiro concerto no festival. Outras das propostas destacadas da carteleira deste ano é a de Milladoiro, grupo pioneiro da música folk galega e directamente ligado ás primeiras edicións do festival.

Concertos únicos en España, como o da escocesa Treacherous Orchestra ou o espectáculo Fest rock, de Bagad Kemper e Red Cardell; bandas galegas que estrean traballos como a de Pepe Vaamonde ou o reforzado “Proxecto Runas”, o veterano concurso de apoio aos grupos emerxentes, son outras das propostas que farán deste festival “unha edición para o recordo”.

Novidades

Entre as novidades desta trixésima edición, ademais dos concursos vespertinos de gaita e de cuartetos tradicionais e o curso da Universidade de Verán da USC ‘Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias’, atópase a recuperación da figura do presentador, encarnado para a ocasión polo actor Carlos Blanco, que animará as noites do Escenario Alameda co seu humor irónico.

Potenciar a programación, reforzar servizos prioritarios para garantir a seguridade, a limpeza e a comodidade das decenas de miles de visitantes que visitan Ortigueira para participar no festival e manter a gratuidade (a excepción do euro que deberán aboar os que se movan entre a praia e a zona de concertos en bus urbano, e o custo do aparcadoiro vixiado) foi posible grazas á implicación do Concello de Ortigueira e ao apoio de institucións e empresas colaboradoras como a Consellería de Cultura e Educación, a Deputación Provincial da Coruña, Turismo de Galicia, Gadisa e Coca- Cola.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia