Skip to main content

O filme A Esmorga estréase no marco do 35º aniversario do pasamento de Blanco Amor

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de apoiar os actos que se realizarán durante o ano 2014 para homenaxear a Eduardo Blanco Amor no 35 aniversario do seu falecemento. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Consellería de Cultura e Educación, xunto co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Manuel Santalices, e os presidentes da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e do Pen Club, Luís González Tosar, participou hoxe na rolda de prensa de presentación das diversas accións que se van desenvolver. Cómpre lembrar que o Parlamento de Galicia acaba de aprobar unha declaración na que insta á Xunta a promover e participar nos actos que se celebren co gallo da devandita conmemoración.

Programación

Neste contexto estrearase a película “A Esmorga”, dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vía Láctea Filmes, para a que a Consellería de Cultura e Educación, a través de AGADIC, fixo unha achega de 335.000 euros en concepto de axudas á produción ou coprodución audiovisual en lingua galega con marcado contido artístico e cultural.

Con motivo do aniversario do pasamento de Blanco Amor, está prevista tamén a edición, en colaboración do diario La Región, dunha compilación dos escritos do autor publicados no xornal. Tamén se traballa na recompilación da correspondencia que distintos persoeiros enviaron a Blanco Amor e que se atopa na Biblioteca Provincial de Ourense.

Pola súa banda, lectorados de galego de diversas universidades do mundo ocuparanse de traducir diversos textos do escritor. Farano no marco do proxecto da Consellería de Cultura e Educación ‘Letras Galegas no mundo’, que se abriu este ano coa tradución de Nimbos, obra do poeta homenaxeado este 17 de maio de 2014 Xosé María Díaz Castro.

Precisamente a Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas, que terá lugar o vindeiro 12 de xullo, estará dedicada ao autor ourensán. Incluirá un acto literario e a inauguración dunha instalación alusiva á obra do escritor, creada por Acisclo Manzano e Acisclo Novo, na que será a primeira obra conxunta destes dous escultores.

A Deputación tamén está a traballar na elaboración dunha exposición bibliográfica, en colaboración co coleccionista Carlos Laíño, e que contará cunha galería de retratos e caricaturas de Blanco Amor elaboradas polo debuxante Siro López.

Arredor da data na que se cumplen os 35 anos do aniversario, o 1 de decembro, o Pen Club, en colaboración coa Deputación de Ourense, a Real Academia Galega e os alumnos e profesores do IES que leva o nome do narrador, fará unha ofrenda floral diante da campa de Blanco Amor. Ademais, a RAG celebrará un Pleno Extraordinario dedicado ao narrador ourensán.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia