Skip to main content

Galicia disporá dun primeiro Plan global director dos Camiños de Santiago

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello o inicio dos trámites para que Galicia poida contar por primeira vez cun Plan global director dos Camiños de Santiago que se converterá na “folla de ruta para revitalizar, promocionar e promover os camiños de cara ao próximo Xacobeo 2021”.

Deste xeito, e con seis anos de traballo ata a próxima gran cita xacobea, Ano Santo 2021, a Xunta inicia os trámites para poder contar con dous instrumentos de xestión: “un Plan director, que analizará e diagnosticará as necesidades para seguir poñendo en valor os camiños; e, posteriormente, un Plan estratéxico que fixará as distintas propostas de actuación que se levarán a cabo”.

O responsable do Goberno autonómico destacou entre as principais razóns para levar a cabo esta iniciativa a motivación de sacar o máximo proveito ao potencial do Camiño, e o obxectivo de reducir as debilidades que se teñen detectado para poder facelo.

Conscientes da grande fortaleza do Camiño, cun espectacular crecemento do número de peregrinos e de países representados nos últimos anos (150 países e, ata finais de maio recolleron a Compostela un total de 49.728 peregrinos dos cales o 60,95% foron estranxeiros), Feijóo afirmou que os datos obrigan a redefinir as estratexias e políticas que se desenvolven ao seu redor.

Nesta liña, afirmou que o desequilibrio existente en canto ao número de peregrinos nos distintos camiños, a acentuada estacionalidade, a baixa coordinación entre os diversos axentes implicados –tanto públicos como privados-, a mellorable calidade dos servizos que se prestan aos peregrinos, o reducido aproveitamento das canles de promoción existentes a nivel nacional e internacional, e os distintos problemas de seguridade viaria ou de accesibilidade nalgúns tramos fan necesario a elaboración dun plan global director.

Se ben o obxectivo é que o Plan director estea ao longo deste ano, o titular do Goberno galego avanzou que se desenvolverá baixo o seguinte decálogo de prioridades: integrar ás distintas institucións e asociacións do Camiño, “para non ir cada unha por libre, senón todas a unha”; “conseguir as delimitacións oficiais que aínda nos quedan de determinados camiños”; e determinar as intervencións posibles no Camiño, “coidando de cada ruta como un valor patrimonial que non debemos alterar, senón que debemos seguir protexendo”.

Así mesmo, destacou a necesidade de desenvolver un programa de atención ao peregrino, para prestarlle a mellor atención posible ao longo de todo o ano; ampliar a promoción, cada vez máis de carácter internacional; incentivar con maior énfase a investigación dos camiños; desenvolver unha estratexia para fomentar a actividade nos períodos que non son Ano Santo, especialmente nos máis longos; e crear novos produtos culturais, tentando fusionar a tradición e a innovación.

Por outra banda, o responsable do Executivo autonómico resaltou a necesidade de estimular o apoio do sector privado en determinados proxectos e eventos especiais e de seguir estimulando a sensibilización da poboación cara ao Camiño.

“Imos, en definitiva, plantexar unha planificación e a buscar a complicidade do conxunto de Galicia, toda vez que somos todos os propietarios dos Camiños de Santiago. Somos todos os que logramos manter a súa vixencia; e somos todos aos que nos toca incrementar o valor turístico, aos que nos toca manter vivo o faro cultural do noso país como son os camiños de Santiago e manter unha referencia mundial de Galicia en calquera lugar do mundo”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia