Skip to main content

O Observatorio Económico Ourensán sinala o semestre actual como o de maior recuperación do emprego na crise

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o cuarto informe do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta que a Deputación de Ourense desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia ourensá e cada unha das súas comarcas. O Observatorio nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados.

Neste cuarto informe do Observatorio constátase unha aceleración na recuperación dos mercados de traballo locais, tanto a nivel comarcal como municipal. Por primeira vez desde o inicio da crise, o descenso do paro en taxa interanual dase en cada unha das doce comarcas da provincia de Ourense. As catro últimas en acadar este logro foron Allariz-Maceda, A Baixa Limia, Valdeorras e Terra de Celanova, que precisaron do semestre actual para romper as series consecutivas de auxe do paro interanual sufridas desde o ano 2007.

Aínda que persiste a diferente velocidade de evolución entre as afiliacións e o paro rexistrado, a mellora laboral xeralízase no conxunto da provincia. O número de traballadores adscritos á Seguridade Social aínda non neutralizou o signo negativo, se ben é certo que o descenso provincial suavizouse no último ano, ao pasar do -2,6% ao -1,1% actual. Pola súa parte, o paro rexistrado descende agora un 7,1% en taxa interanual, cando en maio de 2013 seguía transitando no terreo dos incrementos, cunha subida anual do 0,7%.

Manuel Baltar dixo no acto de presentación do estudo que os indicadores “amosan que estamos a ver unha aceleración na velocidade de recuperación e que os mercados de traballo comezan a abrirse”. Aínda así, o presidente do goberno provincial explicou que non debemos deixar de lado “o grave problema demográfico existente, un asunto no que xa está a traballar a Área de Benestar desta Deputación. De feito, xa incluímos esta variable nas ordes de axuda a entidades sociais que potenciamos en 2014”.

Baltar destacou que estamos “no mellor semestre para a rexeración do mercado laboral da provincia”, e que este cambio de tendencia “non é unha circunstancia illada, senón que está a perdurar no tempo”, engadindo que por primeira vez en todo o período en crise “as doce comarcas ourensás rexistran descensos interanuais do paro rexistrado”.

O informe reflicte que na actualidade Ourense perde afiliados á metade de velocidade que hai un ano. A taxa de redución pasou en doce meses do 2,6% ao 1,1%, o que anticipa que de manterse este ritmo habería cambio de signo a partires do segundo semestre de 2015, que sería cando as afiliacións comezasen a crecer en taxa interanual. “Este fito, tan esperado deixaría ver na provincia de Ourense, tamén por primeira vez desde o ano 2007, a coincidencia entre o descenso do paro e o aumento das afiliacións”.

O presidente provincial subliñou que nunca antes houbera descensos anuais do paro nas doce comarcas á vez, “e moito menos aos niveis actuais, que equivalen a máis do 7% e a 2.200 persoas menos á procura de traballo. Dito doutro xeito, ao ritmo de agora mesmo, cada día abandonan o paro unha media de 183 demandantes”. Aínda así, Baltar apunta que non se pode confundir a realidade “nin caer en interpretacións triunfalistas. Os datos reflicten melloría e as cifras transmiten certo optimismo, pero a contabilidade laboral e económica da provincia continúa a presentar algúns rexistros inquietantes”.

Esta edición do Observatorio destaca que só dúas comarcas -Verín e Carballiño- presentan hoxe máis afiliados que hai un ano. Cabe salientar que hai seis meses non había ningunha comarca con crecemento nas afiliacións e que a última vez que acontecera foi en marzo de 2013, con Viana como protagonista.

A evolución de Valdeorras resulta asimesmo moi positiva. Nun ano pasou de ser unha das tres comarcas con maior destrución de emprego a converterse na terceira área comarcal con mellor comportamento das afiliacións (só baixan ó 0,15% en taxa interanual). Con todo, nos últimos meses Valdeorras ven de cederlle a Carballiño a praza como segundo motor provincial de emprego, por un estreito marxe de 113 afiliacións. Por outra parte, a peor evolución comarcal dase en Allariz-Maceda, que agora figura coa maior perda de afiliados (-3% no último ano), cando hai doce meses asinaba o terceiro mellor rexistro da provincia.

A maior creación de emprego

O Observatorio conclúe que o último semestre do que existen datos de afiliacións desagregados por comarcas e por municipios -o período comprendido entre setembro de 2013 e marzo de 2014- foi o de maior recuperación e creación de emprego na provincia desde o inicio da crise. Si ata setembro do ano pasado eran dez os municipios con crecemento interanual das afiliacións, agora xa son 25 os que levan como mínimo un ano xerando emprego neto.

As catro cabeceiras de comarca que están a liderar a recuperación laboral na provincia son Verín (2,4%), O Carballiño (2,4%), Celanova (2%) e O Barco de Valdeorras (0,7%), a diferencia do que acontece na capital da provincia, onde sigue habendo destrución de emprego (-1,4% en taxa interanual).

No acumulado da crise, desde finais do ano 2007, Ourense perde o 15,4% dos afiliados, moi en liña coas medias de Galicia (-15,7%) e de España (-15,2%). Esa taxa provincial do -15,4% é pior que a que recollían os dous anteriores Observatorios (-13% e -11,6%, respectivamente), pero o empeoramento débese sobre todo ao cambio de metodoloxía estatística, co que 1.126 traballadores deixaron de contabilizar como afiliados da provincia de Ourense e fano dentro doutras provincias galegas ou españolas.
Neste período de seis anos e medio con dobre recesión económica, ningunha comarca consegue aínda ter un mercado de traballo máis dimensionado que o que presentaba antes da crise. Verín, Ourense e Viana son as que se encontran en mellor posición para acadar ese fito, pero terían que xerar un 12% de novos empregos.

Menos paro nas doce comarcas

O capítulo do Observatorio dedicado ao paro conclúe que se está a consolidar na provincia a tendencia á baixa. Por segundo semestre consecutivo, diminúe a taxa interanual de paro, circunstancia inédita ata agora en toda a serie estatística desde 2007.

A boa evolución do paro rexistrado fai que, por primeira vez durante a crise, as doce comarcas da provincia presenten descensos na taxa de variación interanual. E a estatística por municipios tamén amosa un dato desconocido ata agora; o de que o paro anual está á baixa en 64 dos 92 concellos, cando un ano antes eran 43 municipios os que compartían ese privilexio.

Mentres, a comparativa a seis anos aínda reflicte porcentaxes de subida moi elevados na provincia (47,5% de incremento), si ben moito máis baixos que os das medias autonómica (68%) e nacional (94%). A análise estatística do Observatorio detecta que, por segundo semestre consecutivo -primeira vez que acontece en toda a serie da crise-, a taxa de variación do paro acumulado non supera o 50%.

Sector industrial

Esta cuarta entrega do Observatorio Económico Ourensán incorpora un completo estudo sobre a situación do sector industrial da provincia, o cal reflicte que a industria ourensá perde afiliados a un ritmo superior ao de hai un ano (-4,6% fronte a -3,3%), e dos doce subsectores industriais, só catro melloran a súa evolución anual. Entre eles, o de alimentación, bebidas e tabaco -o de maior grao de especialización da provincia- é o único que foi capaz de cambiar o signo negativo (destrución de emprego) polo signo positivo (creación neta de emprego).

Entre as seis comarcas con mellor comportamento do sector industrial que hai uno ano destacan Carballiño, A Limia e O Ribeiro. A primeira logra ademais o cociente de localización máis elevado da provincia, xa que nunha actividade concreta, a de maquinaria e equipamento mecánico, o peso é nove veces máis alto que o da media provincial.
Mentres, a comarca de Ourense consegue especialización en sete subsectores industriais, comezando polo de material e equipamento eléctrico, electrónico e óptico, no que concentra preto do 99% das afiliacións provinciais.

1.500 empresas alimentarias

Entre as novidades do cuarto Observatorio Económico destaca o primeiro estudo sobre o sector alimentario, realizado con datos do Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos que elabora o Ministerio de Sanidade. O resultado é que a provincia de Ourense contabiliza un total de 1.476 empresas e establecementos que interveñen en calquera fase da produción primaria da cadea alimentaria (o censo exclúe aos establecementos que venden ou serven produtos ao consumidor final).

Neste senso, as maiores concentracións de empresas alimentarias danse nas comarcas de Ourense (35% do total provincial), O Ribeiro (12,3%) e Valdeorras (10,7%). As tres ramas con maior peso na provincia son a de cereais, fariñas e derivados, co 26% do total; a de almacenistas, distribuidores, transportistas, envasadores e importadores polivalentes (22,5%); e a de bebidas alcohólicas (19,6%).
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense