Skip to main content

O Carballiño celebra a súa LII Festa do Pulpo o segundo domingo de agosto

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, asinaron un acordo de colaboración entre a Xunta e e o Concello para a celebración da edición número 52 da Festa do Pulpo do Carballiño, prevista, como cada ano, para o segundo domingo de agosto. No acto de sinatura estivo presente tamén o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, cincuenta e dous anos de historia avalan a gran tradición da Festa do Pulpo do Carballiño, unha das celebracións gastronómicas máis senlleiras da comunidade que actúa “como foco de atracción turística cara a unha terra que ten moito que ofrecer aos visitantes e que, a través da gastronomía, un dos nosos reclamos fundamentais como destino, se proxecta ao mundo”.

Turismo de Galicia, dixo, apoia a celebración desta festa tradicional que ten convertido ao Carballiño no epicentro da degustación deste cefalópodo, acompañado con algúns dos produtos máis distintivos do destino Ribeiro.

A directora de Turismo incidiu en que as festas gastronómicas conforman a mellor mostra dalgunhas das máis relevantes exquisiteces culinarias do territorio galego, acompañadas pola tradición popular, pola música tradicional e por un dos nosos máis potentes activos como destino: a hospitalidade. Recalcou, así, a enogastronomía é un dos grandes atractivos turísticos de Galicia. “A nosa riqueza gastronómica e enolóxica pode ser considerada como un produto principal, ou como un elemento transversal ao deseño doutros produtos que enriquecen as experiencias que motivan a viaxe a Galicia”, engadiu.

A enogastronomía como orixe de novas experiencias turísticas
Nava Castro resaltou, tamén, que os nosos produtos con distintivos de calidade ou os nosos viños das cinco Denominacións de Orixe Galegas son tamén o fío condutor para a creación de novas experiencias turísticas. Así, lembrou, este ano véñense de poñer en marcha, en colaboración con Renfe, novos trens turísticos, os trens das Rutas dos Viños de Galicia. De modo que xa se pode coñecer este territorio e os seus recursos asociados á viticultura e á enoloxía, así como á arquitectura, arte e paisaxe percorrendo O Ribeiro en tren. “Trátase dun novo xeito de afondar na cultura e na vida dos territorios galegos e de coñecer de primeira man a produción do viño en Galicia”, destacou.

Galicia conta con máis de 300 festas enogastronómicas, que impulsan o sector turístico e promocionan a calidade culinaria do destino. Un total de 44 destas festas contan coa declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia e outras 4 son de Interese Turístico Nacional, entre elas a Festa do Pulpo do Carballiño .

As festas e a gastronomía no Plan Integral de Turismo de Galicia
O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle como unha segunda liña, relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, unha acción relativa á definición da estratexia de promoción das festas de interese turístico, dado que as festas forman parte da nosa cultura e constitúen un recurso turístico con gran capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano.

O plan incide na mellora da planificación, da organización e da difusión das festas de interese turístico internacional, nacional, e de Galicia para acadar a súa máxima repercusión, tendo en conta a conservación dos valores tradicionais e a aposta polos aspectos autóctonos dos eventos.

Ao tempo, tal e como se explica no plan, a enogastronomía constitúe, xunto co Camiño de Santiago e o patrimonio natural e cultural, un valor diferencial que fai de Galicia un destino único. Na primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia, relacionada co Camiño como eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional, xa se alude á gastronomía como recurso endóxeno que pode complementar e diversificar a oferta turística vinculada coa Ruta Xacobea.

Tamén na segunda liña estratéxica, baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos e que busca a desestacionalización e novos públicos, a gastronomía ten un papel destacado. A combinación de turismo enogastronómico con turismo rural, con turismo activo ou industrial, así como mariñeiro ou artesanía son experiencias gastronómicas transversais que enriquecen as posibilidades do viaxeiro e tornan máis atractivo o destino.

Outras accións integradas nesta liña estratéxica é o desenvolvemento e promoción do produto transversal do turismo enogastronómico, en coordinación con Galicia Calidade e o fortalecemento e dinamización das adegas e viticultores das Rutas do Viño de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia