Skip to main content

O conselleiro de Economía salienta que o encontro Corazón da Artesanía amosa un sector con futuro que innova sen perder a tradición

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou na inauguración do III Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, que este encontro impulsado pola Xunta amosa un sector “con futuro e que innova sen perder a tradición”. Conde subliñou que a mellor maneira de preservar o importante patrimonio que supoñen os oficios tradicionais é “incidir na competitividade e na potenciación do talento galego”, lembrando que o sector artesán emprega xa a máis de 5.000 persoas en Galicia.

Neste sentido, salientou que, a través do Plan da Artesanía de Galicia, a Consellería de Economía e Industria persegue conseguir un sector artesán “sólido e sostible”, e que “contribúa ao crecemento da economía galega”. Conde, que lembrou que esta folla de ruta impulsada xunto co sector recolle de xeito específico a organización do Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia en Agolada como unha das accións fundamentais para a posta en valor do sector artesán galego, destacou que esta iniciativa “sérvenos para ver o futuro da artesanía, que día a día se constrúe co talento dos nosos artesáns”. Neste sentido, lembrou que o Encontro, pensado tanto para o público como para os propios artesáns, é xa “un referente anual do sector, no que podemos ver como sigue latexando con forza o Corazón dunha artesanía heteroxénea e creativa que tece o seu futuro con ilusión e talento”.

O conxunto histórico-artístico de Os Pendellos, en Agolada, acolle ata o domingo este Encontro no que un ano máis tradición e vangarda se interrelacionan, cunha coidada posta en escena. Pode verse o traballo de medio cento de artesáns galegos, que desenvolven máis de vinte oficios tradicionais diferentes. A variedade e a creatividade da artesanía galega quedan patentes con postos de demostración e venda de xoiería, olería, elaboración de instrumentos musicais, téxtil, madeira, cestería, marroquinería, tellería ou elaboración de redes ou de zocos.

Entre as novas incorporacións atópanse tres artesáns especializados na montaxe de moscas para a pesca, ademais da presenza da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), finalistas do Premio Promociona para Entidades Privadas 2013 nos Premios Nacionais de Artesanía, que amosarán o proceso de construción dun barco de madeira.

Outra das novidades desta terceira edición é a participación do público nos propios oficios artesáns, posto que durante os tres días do Encontro están dispoñibles tres tornos para que os visitantes poidan iniciarse na olería baixo a tutela do ceramista Nano Unzueta. Mentres, o cesteiro Antonio Suárez ensinará a trenzar vimbio.

Os visitantes contan cunha zona habilitada gratuíta para cámping, e restaurantes locais ofrecerán menús especiais durante o encontro. Ao igual que nas dúas primeiras edicións, hai autobuses gratuítos de ida e volta a Lalín para facilitar a asistencia.

Artesanía no prato

Ademais da exposición e venda de produtos artesanais e demostracións de oficios, en Agolada hai máis dunha trintena de postos de venda de produtos gastronómicos de calidade. Tamén haberá showcooking a cargo de tres cociñeiros galegos do grupo nove: Pepe Solla, Javier Rodríguez Ponte “Taky” e Héctor López, que desenvolverán o sábado e o domingo a iniciativa Artesanía no Prato, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega.

Os Pendellos converteranse nun espazo de reflexión sobre o proceso creativo, de formación especializada e de intercambio con outras disciplinas, mediante o desenvolvemento de diferentes workshops dirixidos a artesáns, deseñadores, arquitectos e estudantes, así como coa presentación de distintos proxectos innovadores.

O programa inclúe tamén diferentes actuacións musicais e de baile, entre as que destacan o concerto de Marful, que pecha a programación de hoxe cun espectáculo no que presentan unha proposta ecléctica no que se combinan ritmos e músicos de diferentes tendencias, mentres que o sábado á noite será o turno de Sés, compositora e intérprete cun gran carisma que está a revolucionar a escena musical en Galicia.

Os máis pequenos tamén teñen forte protagonismo. O programa do III Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se abre precisamente coa palillada das Escolas Infantís de Palillo do Concello de Camariñas, inclúe tamén obradoiros nos que poderán aprender a elaborar papel. E tamén terán oco os xogos populares, a través de “Paporrubio na granxa”, un proxecto para todas as idades que busca revitalizar estes xogos tradicionais a través de elementos teatrais, musicais e plásticos. O público infantil terá tamén unha cita o domingo ás 18:00, cos monicreques de Títeres Seisdedos, coa súa actuación Cocer e cantar.

Proxectos innovadores no rural

Mañá sábado o programa comeza co taller “Diálogos sobre a paisaxe”, un espazo aberto de reflexión sobre a paisaxe na súa dimensión patrimonial, como recurso económico e como construtor da identidade individual e colectiva, guiado polos arquitectos Manuel Borobio e Cruz Louzao e polos xeógrafos Augusto Pérez Alberti e Paco Castillo. De 11:30 a 13:00 haberá unha mesa de debate entre os participantes e, pola tarde, un obradoiro de iniciación á lectura da paisaxe, de 16:00 a 18:00 horas.

O sábado pola mañá a cultura tradicional galega será a protagonista. A partir das 12:00 horas terá lugar a charla coloquio “Falando cos Seivane”, presentado por María Mera, na que se poderá coñecer o día a día do Obradoiro de Gaitas Seivane, que vén de recibir o Premio Nacional de Artesanía, así como a Medalla Castelao, outorgada pola Xunta de Galicia. Unha hora despois, actuará na Praza do Concello a agrupación de música e baile tradicional Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela.

Ás 13:30 horas, José Manuel Mayer, do obradoiro de xoiería artesanal Maysil, e José Manuel Salvado Sanín, do Obradoiro Sanín Percusión Tradicional, presentarán a súa colección de xoias Pandeireta. Esta é a terceira colección que resulta da colaboración entre estas dúas empresas de artesanía, coa que se busca crear xoias inspiradas nos elementos da música popular galega.

A partir do mediodía comeza no Encontro de Agolada o proxecto “Artesanía no prato”. Héctor López, do Restaurante España (Lugo), realizará dous pases para 20 persoas, o sábado ás 13:30 e ás 15:00 horas. Pepe Solla, de Casa Solla (Poio) que conta cunha estrela Michelín dende o 1980, realizará unha única demostración ás 18:30 horas para 30 asistentes. Xa o domingo será a quenda de Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña de Catering Boketé (A Coruña), que presentará as súas propostas en dous pases ás 13:30 e ás 15:00 horas, de 20 asistentes cada un. A inscrición para estas actividades é gratuíta, e é precisa inscrición previa no teléfono 981573017, en horario de 9:00 a 14:00 horas. A xornada continuará ás 22:00 horas na Praza do Concello coa actuación de Sés, que presentará o seu traballo “Co xenio destrozado”. Compositora e intérprete, Sés destaca polo seu forte carisma que está a revolucionar a escena musical en Galicia.

Os máis pequenos tamén terán forte protagonismo durante todo o Encontro de Agolada. Mañá sábado continúan os obradoiros centrados na elaboración de papel, que terán lugar de 11:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Os xogos populares tamén terán un oco en Agolada, a través de “Paporrubio na granxa”, un proxecto que busca revitalizar estes xogos tradicionais a través de elementos teatrais, musicais e plásticos, e que terá lugar o sábado de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00, na Praza do Concello.

Nota remitida polo Gabinte de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo:

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou aos artesáns e empresas da provincia de Lugo que participan no III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, inaugurada hoxe na localidade pontevedresa de Agolada polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cuxo departamento organiza esta cita a través da Dirección Xeral de Comercio.

Arias subliñou a elevada participación de expositores da provincia, principalmente da zona sur, e sinalou que esta iniciativa é un escaparate “de promoción comercial e de apoio á creación”.

Neste sentido, incidiu en que “na provincia de Lugo, como no conxunto de Galicia, sempre tivemos artesáns de moito talento. O papel da Xunta consiste en apoiar ese talento, e así o está a facer a través Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que impulsa diferentes liñas de actuación para o desenvolvemento e a promoción do sector artesán galego”.

Nun mercado con máis dunha vintena de oficios diferentes, a provincia de Lugo estará representada por sete artesáns, entre as que figuran os oleiros Elías González Prieto, á fronte da olería de Gundivós, e Josega Lombao, de Bonxe, en Outeiro de Rei; os talleres de cantería e talla Murua, de Antas, e Arte-San, de Sarria; os especialistas en montaxe de moscas Juan Gayoso, de Lugo, e Óscar Gayoso, de Portomarín; e o colectivo de forxa e tellería da Asocación de Ferreiros da Fonsagrada, do devandito concello da zona da Montaña lucense.

En total, 21 expositores da provincia de Lugo conforman a representación lucense, posto que outras 14 firmas da provincia do sector alimentario exhibirán os seus produtos no encontro: Cervexa Artesá Aloumiña, Pazo de Vilane, Granxa Maruxa, Centro del Vino de Ribeira Sacra, Artesás de Noces, Gourmet Regal, Secretos de Galicia, Milhulloa, Queixería Prestes, Confetti, Castelo, setas silvestres e grelos, Conservas Curricán, O Sequeiro da Portela e Bubela Artesá.

Tras da visita, Arias gabou “o altísimo nivel do traballo dos nosos artesáns, que serven de espello para moitos outros deseñadores e produtores. Co que aquí expoñen e coa súa traxectoria amosan que a artesanía e o deseño poden ter un frutífero recorrido empresarial”. A delegada agregou que “este encontro serve tamén para prestixiar á creatividade que encerra en xeral este sector da artesanía en Galicia”. O evento, organizado á maneira dun mercado tradicional, estará aberto ao público durante toda a fin de semana.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia