Skip to main content

Feijóo reúnese con Everis, do grupo xaponés NTT Data, para valorar oportunidades de investimento en Galicia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse con Benito Vázquez, conselleiro delegado en España da empresa Everis, unha multinacional da consultaría filial do grupo xaponés NTT Data. O encontro, no que participou tamén o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, ten lugar logo da recente viaxe a Xapón do mandatario galego, no que se reuniu con directivos do grupo nipón, e serviu para valorar novas oportunidades de investimento en Galicia por parte de Everis. A compañía, que conta cunha sede na Coruña, traballa en diversos proxectos de compoñente innovador para afianzar a súa posición na comunidade.

Precisamente, o xefe do executivo galego resaltou a vinculación que xa ten construído Everis con Galicia nos últimos anos, non só a través das súas oficinas na Coruña, senón dando emprego a máis de 150 persoas na comunidade, e poñendo en marcha proxectos de colaboración con entidades públicas autonómicas e con varias das principais empresas de Galicia.

Ademais, Everis forma parte de dous clúster galegos, o das TIC e o clúster da Saúde, e ten subscritos convenios marco de colaboración coas tres universidades galegas. Esa alianza, defendeu Feijóo, sairá reforzada cos novos proxectos innovadores.

O encontro dá continuidade ao traballo desenvolvido en Xapón polo presidente da Xunta tras a visita que unha delegación do xigante comercial xaponés Aeon fixo a Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia