Skip to main content

Increméntase case un 93% a dotación económica das subvencións ao audiovisual

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará este ano cinco convocatorias de subvencións dirixidas ao fortalecemento e dinamización do sector audiovisual galego, para as que destinará un total de 2.530.000 euros, o que supón un 92,25 por cento máis ca en 2013. Ademais do incremento da dotación económica, tamén se diversifican as accións obxecto de axuda a través de novas liñas de apoio que buscan incidir no financiamento ao longo de todo o proceso de produción e difusión dos produtos audiovisuais galegos.

Deste xeito o avanzou o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad aos representantes dos principais colectivos profesionais do sector, delegados de empresas non asociadas e creadores individuais, que acudiron a unha sesión informativa levada a cabo na Cidade da Cultura. A reunión contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, así como de membros de AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual), Academia Galega do Audiovisual, Clúster Audiovisual Galego, Asociación Galega de Guionistas (AGAG) e Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA), entre outros.

O programa de subvencións ao sector audiovisual para 2014, que se levará a cabo a través da Agadic, está conformado por cinco liñas de axuda: a destinada por vez primeira a festivais audiovisuais (dotada con 90.000 euros e xa convocada e resolta) e doutras catro convocatorias que se publicarán proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Continuidade e novidades

Tres destas vindeiras ordes dotarán de continuidade ás liñas convocadas en anos anteriores, como son as relativas á produción e coprodución audiovisual, desenvolvemento de proxectos audiovisuais e promoción do talento audiovisual galego. A estas sumarase este ano unha nova liña centrada na difusión e comercialización audiovisual, o que permitirá a adxudicación de financiamento económico en réxime de concorrencia competitiva tanto para a presenza en festivais ou certames como para a exhibición en salas comerciais.

Nunha comparativa por categorías, as subvencións 2014 á produción e coprodución contarán con 2.000.000 euros (un 81,82 por cento máis ca en 2013), as de desenvolvemento de proxectos disporán de 175.000 euros (un 16,67 por cento de incremento) e as de promoción do talento de 145.000 euros (un 119,70 por cento de aumento respecto a 2013). Engadindo a estas cifras as dotacións de 90.000 euros adxudicadas a festivais e de 120.000 euros cos que nacerán as axudas á difusión e comercialización, o resultado é que o sector audiovisual galego disporá este ano de 2.530.000 euros en subvencións procedentes da Consellería de Cultura e Educación fronte ós 1.316.000 do pasado ano, o que se cifra nun incremento global do 92,25 por cento.

Os contidos das convocatorias presentarán tamén novidades canto a apartados, prazos e procedementos de xustificación, co obxectivo de adecualas ao máximo ás necesidades reais dos procesos de traballo. Entre estas novidades, destaca a modalidade que, dentro das subvencións á promoción do talento audiovisual galego, se dedicará á produción de longametraxes en idioma galego realizadas por directores noveis, sumándose desta maneira ás de escrita de guións e curtametraxes que xa se contemplaban na convocatoria de 2013.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia