Skip to main content

Galicia debe aliñar accións en TICs para lograr os obxectivos europeos do 2020

A directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, participou en Madrid na Conferencia Sectorial de Telecomunicacións e Sociedade da Información, que convoca o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. A responsable da área tecnolóxica da Xunta trasladoulle ao Goberno central a necesidade de aliñar as actuacións e de que se teñan en conta as especificidades de Galicia no ámbito tecnolóxico e da sociedade da información para que a Comunidade cumpra os obxectivos fixados por Europa para o 2020.

Neste sentido, Pereira incidiu en que é fundamental a cooperación para a planificación dos traballos do Programa Operativo de Crecemento Intelixente 2014-2020 cuxos obxectivos a nivel estatal foron abordados na xuntanza. O despregamento de redes ultrarrápidas; o impulso da economía dixital para favorecer a internacionalización das empresas; promover a alfabetización dixital, así como o reforzo do eGoberno e a confianza no entorno dixital, son as grandes liñas de actuación do Programa Operativo estatal.

Estas liñas coinciden cos obxectivos estratéxicos da Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aprobada por Galicia a finais de 2013, e que constitúen o marco estratéxico sobre a que se definirá a nova Axenda Dixital de Galicia, cuxo proceso de elaboración se presentará proximamente.

Dividendo Dixital

Outro dos temas tratados na Conferencia Sectorial foi a situación da liberación do dividendo dixital en España. Neste aspecto, a directora da Amtega pediu que se publique canto antes o Plan Técnico de Liberación do Espectro Radioeléctrico para facilitar a transición a una nova TDT.

Os representantes da área TIC das Comunidades coñeceron tamén os avances da Axenda Dixital para España 2013-2015, período para o ten previsto un investimento de 2.300 millóns de euros cun 65% das medidas completadas ou en execución neste momento.

Ademais, abordouse a nova Lei xeral de Telecomunicacións e as medidas para a área de telecomunicacións e sociedade da información recollidas no Informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia