Skip to main content

VII ciclo de música e patrimonio Espazos Sonoros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, a sétima de Espazos Sonoros, “un ciclo de actividades e concertos que nos convida a vivir esa riqueza patrimonial espallada polo conxunto do territorio galego, a través dos sentidos e co poder engaiolante da música”.

Vázquez Abad explicou na rolda de prensa que este festival “faranos viaxar polas antigas melodías europeas e involucraranos nas novas propostas escenográficas e de canción de autor galegas”. Ademais, lembrou a presenza do patrimonio organístico galego na programación, que, unha vez máis, “será protagonista de diferentes actividades musicais e formativas”.

O conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora artística do festival, Belén Bermejo, e por Xoán Curiel, un dos artistas que participa na nova edición de Espazos Sonoros e que foi o encargado de poñerlle música á presentación do ciclo cun dos temas que ofrecerá en concerto o vindeiro 28 de outubro no poboado mineiro de Fontao, en Vila de Cruces.

Recoñecidos artistas galegos e internacionais

Nesta nova edición, o ciclo presenta unha programación diversa e de calidade baseada en concertos e espectáculos multidisciplinares con propostas artísticas galegas e internacionais de alta calidade, que se completan con rutas pola paisaxe, visitas guiadas e obradoiros. Todas estas actividades desenvolveranse en lugares de relevancia do patrimonio cultural galego, como mosteiros, pazos, conventos, castros ou igrexas, neste caso, dos concellos de Baiona, Santiago de Compostela, Padrón, Betanzos, Silleda, Allariz, Pantón, Esgos, Monforte de Lemos, Ribadavia e Vila de Cruces.

O concerto inaugural, o 14 de setembro na igrexa de Santa María de Baiona (Pontevedra), correrá a cargo da formación laReverdie, un dos referentes na interpretación dos repertorios medievais vocais e instrumentais. O grupo italiano, fundado nos oitenta polas irmás Caffani e de Mircovich, achegaralle ao público a figura feminina no medievo cun programa que leva por título ‘O Vergine Bella’ e que inclúe obras de Dufay, Hildegard von Bingen, motetes e laudi dos séculos XIII, XIV e XV.

O novo cartel do ciclo tamén inclúe a actuación, o 27 de setembro, do Coro E Ultreia, unha das máis recoñecidas formacións corais galegas, especializada en repertorios medievais e renacentistas, que interpretará no santuario da Nosa Señora dos Desamparados de Abades, en Silleda, diferentes versións dos Gozos da Virxe, cantos devocionais dedicados á Virxe e aos episodios máis destacados da súa vida.

O saxofón será outro dos protagonistas da sétima edición do ciclo, da man do cuarteto Skirion, composto por Alejandro Cimadevila, Jorge García, Alberto G. Noguerol e Marcos Mariño, catro mozos galegos profesionais do saxofón que se xuntaron en 2012. O programa do concerto que ofrecerá o grupo o 28 de setembro no mosteiro de San Pedro de Esgos (Ourense) vertebrarase arredor da obra que lle dá título ao seu primeiro traballo discográfico, ‘Recitation Book’, do compositor contemporáneo David Maslanka, con claras influencias da música renacentista e barroca, que alternará con outras obras de autores barrocos.

Espazos Sonoros tamén contará o 4 de outubro con Mercedes Hernández e Fernando Reyes. Membros integrantes e fundadores do grupo Resonet, unha das formacións galegas máis recoñecidas internacionalmente dentro do mundo da música antiga, os dous músicos presentan para a ocasión un programa integrado por motetes e cantos de autores europeos do século XVII. Obras de gran virtuosismo vocal, pertencentes aos máis grandes mestres do inicio do barroco musical, alternarán con tocatas e obras creadas para un instrumento que naceu para acompañar a voz, a tiorba, no concerto que ofrecerán na igrexa de Santa María do Azogue, no concello coruñés de Betanzos.

Músicas populares e medievais de raíz galega

Ademais, a través de pezas da lírica galega medieval e doutras dos nosos códices e do repertorio popular, o grupo Doa explorará en Espazos Sonoros 2014 o simbolismo dos bosques milenarios para trasladar o público ao antigo mundo da Galicia medieval. O programa do concerto que ofrecerán Susana de Lorenzo, Xoán Piñón e Bernardo Martínez o 5 de outubro na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, xirará arredor do seu último traballo, ‘A fronda dos cervos’, xunto cunha escolma de traballos anteriores do grupo.

O cartel de Espazos Sonoros tamén contará na súa sétima edición co poliédrico tenor italiano Marco Beasley, que se presentará acompañado polos laudistas Fabio Accurso e Stefano Rocco, dous dos fundadores, xunto con el mesmo e Guido Morini, do conxunto Accordone. No concerto que ofrecerán o 11 de outubro igrexa de San Vicente de Pombeiro, en Pantón, interpretarán un programa que percorre varios séculos da música italiana. Tarantelas e cancións tradicionais napolitanas, xunto con frótolas renacentistas de autores como Tromboncino ou Marco Cara, compoñen o programa dunha das formacións máis aclamadas do panorama musical europeo.

Experimentación a través do son, da imaxe e do movemento

A interrelación entre a danza contemporánea, o ‘live cinema’ e a experimentación sonora son os eixos que vertebran Micro Impactos, unha obra na que Paula Quintas, Xoán-Xil López e Adriana Pazos xeran un código relacional propio a partir da combinación entre as tres disciplinas artísticas e a confrontación entre os conceptos de “corpo físico” e “corpo dixital”. A igrexa da Magdalena de Ribadavia acollerá o vindeiro 25 de outubro esta intervención de Voltage opposites.

Concerto de clausura a cargo de Xoán Curiel

O concerto de clausura do festival correrá a cargo do músico Xoán Curiel, un dos máis firmes valores da música galega. Este cantautor de fonda traxectoria presentará o 26 de outubro no poboado mineiro de Fontao, en Vila de Cruces, o seu último espectáculo, ‘Novas’, no que ofrece composicións inéditas e versións de vellos temas seus cun formato musical diferente, sen percusión e con bases electrónicas.

Roldas pola paisaxe organística compostelá

Ademais, o ciclo Espazos Sonoros volve apostar este ano por unha programación didáctica e artística arredor do patrimonio organístico galego, escasamente estudado e atendido nas programacións musicais en Galicia. Despois de dúas experiencias de éxito percorrendo os órganos da Mariña lucense e da diocese de Ourense, Espazos Sonoros continúa as roldas pola paisaxe organística galega, desta vez coa aproximación ao abundante patrimonio organístico da cidade de Santiago de Compostela, que se estenderá por terras de Santiago para achegarse tamén a outros dous órganos históricos, o do convento do Carme e o da igrexa de Iria Flavia, en Padrón.

Nesta última, o organista italo-brasileiro Marco Aurélio Brecia ofrecerá un concerto o 21 de setembro. Gran coñecedor da historia dos órganos galegos, este pianista e doutor en musicoloxía presenta un programa baseado no libro persoal de órgano de Melchor López (1759-1822), unha importante antoloxía de obras para órgano compilada polo que fora mestre de capela da Catedral de Santiago.

Co cartel desta nova edición, Espazos Sonoros ofrécelle á cidadanía unha programación de calidade en contornos destacados do patrimonio cultural, co fin de promover a posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como artístico, e fomentar o interese musical e creativo do conxunto da poboación de Galicia. Todos os concertos e actividades do ciclo poden consultarse na nova axenda do portal web de Cultura, dispoñible no enderezo electrónico cultura.xunta.es.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia