Skip to main content

A estratexia de inclusión en Galicia priorizará a loita contra a pobreza infantil

A nova Estratexia de Inclusión da Xunta e a de Infancia e Adolescencia -que está elaborando actualmente a Xunta de Galicia- deseñarán medidas específicas para loitar contra a pobreza infantil empregando como base o estudo sobre esta materia presentado polo Goberno galego. De feito, o obxectivo principal deste informe é ofrecer un “diagnóstico certeiro e en profundidade” desta problemática en Galicia que permita establecer actuacións axustadas para previlo e atallalo.

Así o destacou en rolda de prensa a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, quen presentou en rolda de prensa este documento, realizado en colaboración directa con Igaxes3 e a Fundación Meniños.

O informe está dividido en dúas partes. Por unha banda, a primeira, que constitúe o seu núcleo, achega datos, cifras e estatísticas. Empréganse diversas fontes de información: IGE, INE, Eurostat, rexistro de perceptores da RISGA, datos do SIUSS (Sistema de información de usuarios e servizos sociais), enquisas en centros...Precisamente, no estudo indícase a necesidade de interpretar con cautela as cifras, xa que existen “moi diversas medicións” do risco de pobreza, unha definición que por si mesma xa “outorga un valor de lóxica inexactitude á taxa”.

A segunda parte do estudo inclúe unha análise cualitativa, que se realizou a través de entrevistas con máis de 40 profesionais e expertos que traballan en: entidades de iniciativa social, servizos sociais comunitarios, universidades galegas, colexios profesionais, centros públicos de menores, confederacións galegas de Anpas, asociacións de pediatría, e outros organismos públicos.

Principais conclusións

As principais conclusións que se extraen do estudo son as seguintes: a crise ten agravado o risco de pobreza, e este risco é maior nos fogares con menores; Galicia presenta mellores indicadores que a media e ten menos desigualdade; e o rural ten unha situación mellor sobre os contornos urbanos.

O estudo reflicte que o comportamento de Galicia é mellor que o conxunto de España. É a quinta comunidade autónoma con menor risco de pobreza, segundo a taxa de pobreza do INE. A nivel europeo, e empregando a taxa Arope, a pobreza en fogares con menores de 18 anos é inferior en Galicia que na Unión Europea, e sitúase máis de 7,5 puntos por debaixo da española.

Galicia tamén está mellor que a media española e europea en carencia material severa para o total da poboación: 4,1 en Galicia fronte a 5,8 de España. Pero se se colle como referencia aos fogares con menores (e non ao total da poboación) esta taxa aumenta ata o 7,45 por cento, o que demostra que as familias con fillos a cargo presentan unha maior vulnerabilidade.

Cabe lembrar que a carencia material mídese en función de sete parámetros. Galicia está mellor que a media en seis deles. González destacou especialmente o criterio referido ao “acceso a alimentos coa frecuencia recomendada”. A carencia neste caso na comunidade é apenas do 0,4 por cento, case sete veces por debaixo do resto do Estado.

No informe destácase, ademais, que en Galicia existe menor desigualdade entre os máis ricos e os máis pobres. Así, é a segunda comunidade autónoma con menor desigualdade de ingresos no conxunto do Estado, se se ten en conta o 20 por cento de poboación máis rica e a máis pobre.

Como última conclusión principal do estudo, a directora xeral fixo fincapé en que a situación de risco de pobreza concéntrase nas áreas urbanas. O rural presenta unha “conxuntura máis positiva”, porque ofrece unha mellor cobertura das necesidades básicas esenciais debido á existencia dunha maior presenza e apoio da familia extensa, ao autoconsumo alimentario, e a un prezo da vivenda máis asequible ou unha maior proporción de vivenda en propiedade.

Tres factores clave

O estudo tamén abordou os factores que máis inciden no risco de pobreza. Destacou tres en concreto: o réxime de vivenda, a monoparentalidade, e a situación laboral.

A vivenda é, de feito, un dos indicadores con maior influencia. Segundo o estudo, o maior risco de pobreza recae sobre os fogares con menores a cargo que están en réxime de aluguer. Se se colle como referencia aos fogares con menores de 18 anos que se atopan en risco de pobreza, o 46,2 por cento deles teñen en común o réxime de aluguer de vivenda.

A tipoloxía das familias tamén inflúe no risco de pobreza. As monoparentais amosan unha “vulnerabilidade superior”. Así, o risco de pobreza neste tipo de familias en Galicia supera o 46 por cento, mentres que nas parellas con fillos non chega ao 18 por cento. En todo caso, González precisou que as familias monoparentais representan só o 8 por cento do total das familias galegas.

O último factor clave é o desemprego. O estudo sitúa este factor como principal causa do incremento das situacións de risco de pobreza infantil. Segundo as cifras, entre 2008 e 2012 incrementouse en case 5 puntos a porcentaxe de fogares nos que conviven menores con todas as persoas no paro. Non obstante, os datos máis recentes amosan un saldo positivo, xa que en 2013, con respecto ao ano anterior, esta porcentaxe baixou en 1,5 puntos.

De aí que a Xunta estea xa acometendo diversas actuacións co fin de vincular emprego e inclusión como a nova Lei de inclusión, ou a orde para a contratación temporal de perceptores da RISGA.

Análise cualitativa

A segunda parte do estudo basease na análise cualitativa das entrevistas realizadas aos expertos. Entre as ideas que destacan, cómpre destacar as seguintes: a importancia da elaboración de estudos con información rigorosa; que a pobreza sexa abordada desde unha perspectiva integral; que un dos principais riscos é a cronificación e a transmisión da pobreza dos adultos aos menores que están ao seu cargo; o crecente protagonismo de avós e as avoas no coidado dos menores; e que a desnutrición en Galicia é un fenómeno absolutamente minoritario.

En definitiva, concluíu González, este informe vai permitir á Xunta “seguir apoiando a quen máis o necesita”, ao contar cunha “diagnose fiable e actual da situación de Galicia”. Isto, á súa vez, permitirá marcar pautas esenciais na prevención e loita contra a pobreza infantil, especialmente na nova Estratexia de inclusión, que terá a protección deste colectivo como un dos seus elementos transversais.

A directora xeral rematou agradecendo o traballo que realizan as entidades do sector, e moi especialmente a colaboración das que tomaron parte no estudo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia