Skip to main content

Conmemórase o 20º aniversario do rock bravú no Festivas das Revenidas 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou en Vilagarcía na presentación do Festival das Revenidas de Vilaxoán, que celebra do 22 ao 24 de agosto neste barrio mariñeiro arousán a súa edición de 2014 centrada na conmemoración do vixésimo aniversario do ‘rock bravú’. A música galega é a gran protagonista deste evento, que suma aos máis de 20 concertos programados outras actividades recreativas e artísticas, sen esquecer o labor de exaltación da sardiña asada que deu orixe a esta cita hai once anos.

O das Revenidas defínese como un festival de pago cen por cen galego, xa que tanto as máis de 35 formacións que integran a carteleira como as empresas encargadas da produción son maioritariamente do país. Así, na programación deste ano figuran Os Diplomáticos de Monte Alto, Heredeiros da Crus, Rastreros, Ulträqäns, Sés, Nao, Dakidarría, La Familia Caamagno, Livia do Marrao, Tandub ou Terbutalina, entre outros moitos grupos que compoñen unha completa visión das tendencias da música que se fai en Galicia na actualidade.

Novos recitais acústicos na praza de abastos

Entre as novidades deste ano, ademais de fixar as datas de celebración para o mes de agosto, está a habilitación dun novo escenario na praza de abastos, que acollerá concertos acústicos como os de Garotas de Ribeira ou Pinto de Herbón, e que será intervido por artistas plásticos do colectivo Desordes Creativas. Mantéñense apartados de anteriores edicións como a Gala do Circo Solidaria, as actividades infantís, a feira da cultura e da música galega —que inclúe presentacións de discos, libros e unha mostra de artesanía— ou o concurso de grupos noveis. As bandas locais tamén terán o seu espazo no Revenidas a través da presenza de Borderline, Skalopendra ou Os Terribles de Arousa.

Na presentación desta nova edición e en nome da Consellería de Cultura e Educación, o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, compartiu o acto con Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía, e demais promotores, organizadores e patrocinadores deste festival, que se celebra cada ano pola colaboración entre o concello vilagarciano e a asociación cultural local Repichoca, coas empresas galegas Airapro e Cultur@ctiva como responsables da produción e con firmas como Gadis, Adegas Martín Códax, Caramuxo ou Estrella Galicia como patrocinadoras.

Festival xenuíno

Na súa intervención, o director da Agadic cualificou o festival de xenuíno e especial, por tratarse dunha cita cultural “que reúne unha morea de características que a fan verdadeiramente auténtica e diferente, o que se traduce na conquista crecente dun espazo cada vez máis amplo; e cada vez máis coñecido e recoñecido, dentro do variado panorama de festivais galegos de verán”, expresou.

Jacobo Sutil destacou, neste sentido, algúns dos valores do Revenidas, como son a posta en relación da música con outras moitas actividades lúdicas, a concorrencia practicamente total de artistas e compañías galegas, o apoio aos grupos locais e noveis, a dinámica de traballo creada entre o Concello de Vilagarcía e a asociación Repichoca ou a participación de empresas privadas para levar adiante cada nova edición.

No tocante ao financiamento, lembrou que a Consellería de Cultura e Educación mantén desde 2012 unha liña específica de subvencións, que convoca a través da Agadic como canle estable de apoio público aos festivais musicais e escénicos que se celebran cada ano en Galicia e da que o Festival das Revenidas resultou adxudicatario nas súas dúas edicións anteriores. Nestes momentos, a convocatoria de 2014 atópase en proceso de trámite cara á súa resolución, momento no que se darán a coñecer os proxectos que recibirán apoio económico este ano por esta vía.

As entradas e bonos para asistir ao Festival das Revenidas 2014 están xa á venda a través da páxina web www.revenidas.com.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia