Skip to main content

Feijóo aplaude que o ministro Gallardón recoñeza as particularidades de Galicia e manteña os patidos xudiciais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu ao ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e ao Goberno de España que atendesen as singularidades de Galicia para facer posible que a nosa Comunidade teña sete tribunais de instancia, mantendo, ademais, todos os partidos xudiciais e sen pechar ningún xulgado.

Tras o encontro que mantivo no Pazo de Raxoi co titular de Xustiza do Executivo central, Feijóo asegurou que para Galicia hoxe é “un día moi importante, porque vimos que hai un Goberno que entendeu e que aceptou os feitos, e eses feitos son que Galicia pode ter sete tribunais de instancia, un en cada capital de provincia, e outro en Vigo, outro en Ferrol e outro en Santiago”. Segundo afirmou o mandatario galego, os requisitos fixados polo Ministerio de Xustiza para que, cando entre en vigor a reforma xudicial en marcha, poida existir máis dun tribunal de instancia por provincia, cúmprense nas sete principais cidades galegas.

Xunto con isto, o presidente da Xunta celebrou que o Goberno atendese outra das consideracións formuladas desde Galicia, referida ao mantemento dos partidos xudiciais existentes. Estes, sinalou, “obedecen a unha tradición xudicial, a unha tradición xurisdicional e a unha vocación que entendemos que debe permanecer”, a pesar de que se introduzan as “flexibilidades” necesarias. Nese sentido, indicou que “do mesmo xeito que, se hai unha lista de espera nun hospital, un paciente pode ir a outro, se hai un xulgado que ten moitos asuntos, loxicamente, eses asuntos poden derivarse a outro para que o principio de tutela efectiva sexa máis eficaz”.

En terceiro lugar, subliñou que a formulación galega de que se manteñan todos os xulgados abertos na Comunidade fose tamén atendida polo Ministerio e vaia ser posible dentro da reforma da Xustiza.

O titular da Xunta incidiu no agradecemento ao ministro e ao Goberno de España en nome do Executivo autonómico, así como no de todos os axentes sociais e dos profesionais do sector, “por estudar, valorar, reflexionar e atender as propostas obxectivas de Galicia e aceptar que poidan formar parte do proxecto de lei orgánica que se tramite nas Cortes Xerais”.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo puxo en valor que acometer a reforma xudicial era unha materia pendente desde hai moito tempo e que constitúe “un paso necesario, un paso valente e un paso difícil”, polo que felicitou ao Ministerio de Xustiza por decidirse a levala a cabo.

Resaltou que Galicia coincidiu sempre co Goberno central na necesidade de abordar esa misión de xeito completo, indo máis alá da dotación de medios e reformando tamén a organización xudicial e manifestou a vontade da Xunta de participar activamente no proceso.

Nese marco situou as alegacións formuladas polo Goberno autonómico, coincidentes coas do sector (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía Superior, Secretaría de Goberno, Consellos da Avogacía e Procuradoría de Galicia, así como as organizacións sindicais). O informe remitido ao Ministerio, concretou, baséase na necesidade de recoñecer as singularidades territoriais e de que calquera decisión que incida na distribución territorial dun servizo público non pode ter en conta unicamente a división administrativa.

Feijóo lembrou que non é a primeira vez que o ministro de Xustiza atende as reivindicacións da Comunidade galega xa que o fixo, tamén, cando deu resposta á petición de endurecemento das penas aos incendiarios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia