Skip to main content

A exposición Manuel Rodríguez López, na casa da cultura de Vilalba

É unha mostra itinerante formada por 8 paneis dobles, na que se reflicte a vida, obra e actividade xornalística e social do escritor nado en Paradela, que escribiu a maior parte da súa obra na emigración catalana, e que o seu concello natal ten declarado Fillo Predilecto, deulle o seu nome á Casa da Cultura, e ten instituido un certame na súa honra que vai chegar á XX edición.

Que esta exposición veña agora a Vilalba, precisamente cando se vai fallar a XL edición do seu certame literario, é un xeito de irmandar e resaltar a afinidade de dous concellos lucenses con certame literario propio, nos que a mesma institución municipal edita as obras premiadas nun libro. Esta exposición comezou o seu percorrido hai un ano en Paradela, pasando por Lugo, Begonte, Sarria, Portomarín e Santiago. En setembro viaxará a A Coruña (Biblioteca Nodal e Real Academia Galega), e en outubro a Barcelona, onde o escritor homenaxeado foi o cronista das actividades dos galegos en Cataluña, e o contacto permanente entre os galegos do exterior e os do interior.

Participaron no acto inaugural, o Alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a viuva, fillos e neto do escritor; o director de Galicia Digital, Antonio Giz e o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado. O cantautor Alfredo González Vilela, lucense de Becerreá afincado en Barcelona, interpretou cancións con letra de Manolo Rodríguez, e o violinista galego residente en Bristol (Reino Unido), de 15 anos de idade, neto do homenaxeado, Carlos Rodríguez Otero, interpretou pezas ao violín. A mostra permanecerá aberta ata comezos do próximo mes de setembro.

Información sobre MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ pode obterse na web www.manuelrodriguezlopez.org, onde tamén figura o contido dos paneis desta exposición.
GaliciaDigital