Skip to main content

A vicepresidencia da Deputación de Lugo lembra aos preto de 5.000 lucenses represaliados no franquismo cun acto conmemorativo do día da Galiza mártir

Coincidindo co aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda, dirixente do Partido Galeguista fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936, a Deputación de Lugo celebrou esta mañá por segundo ano este Día da Galiza Mártir, cun acto no que participaron familiares de represaliados, como o escritor Xosé Miranda, e Ernesto Vázquez-Rey, membro da Fundación Alexandre Bóveda. O acto contou co acompañamento musical da Banda de Rábade-Begonte e tivo lugar na Praza da Soidade, fronte ao monolito que lembra a II República.

O ano pasado a Área de Cultura da Deputación de Lugo decidíu institucionalizar o día da Galiza Mártir cun acto de recoñecemento adobiado con música reivindicativa diante da entrada principal do Museo de Lugo. Coa celebración hoxe deste novo acto, a institución provincial, que ven tamén de conceder a Medalla de Ouro da Provincia a Darío Rivas, fillo do alcalde recublicano de Castro de Rei fusilado durante o franquismo, quere “consolidar unha iniciativa que pretende honrar a todos os homes e mulleres que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defenderen a liberdade, os valores democráticos e os dereitos nacionais de Galiza, asumindo o exemplo de Alexandre Bóveda, a súa integridade ética e a súa entrega ao país, como un legado imprescindíbel para construír o futuro de Galiza”, explicou Mario Outeiro.

“Hai case 78 anos, cun tiro no corazón de Alexandre Bóveda acaban cun balazo co motor de explosión do Partido Galeguista, como diría Castelao, e cun dos intelectuais máis relevantes que tivo e terá Galiza. Cos seus escasos 33 anos despuntou en multitude de campos e fíxoo dende a humildade, o tesón e un inmenso amor á súa patria. Foi capaz de desmontar a falacia de que Galiza é unha nación subsidiada. Traballou dun xeito incansábel co fin de que Galiza tivese un Estatuto de Autonomía propio, sendo crucial o seu papel tanto na redacción do mesmo, aunando esforzos como naquela importantísima Asemblea de Concellos de Galiza de decembro do 1932, como na súa votación, practicamente unánime, o 28 de xuño do nefasto 1936”, lembrou Mario Outeiro.

5.000 persoas foron represaliadas na provincia de Lugo

O acto deste luns lembrará aos préto de 5.000 represaliados e represaliadas da provincia; persoeiros do mundo da cultura, como Ánxel Fole, Don Glice, Álvaro Xil, Ánxel Xoán ou Lourenzo Varela, da educación, da sanidade, obreiros, labregos e xentes do común que defenderon unha sociedade máis xusta e un mundo mellor, así como a figuras do mundo da política como Ben-Cho-Shey.

Mario Outeiro afirma ademais que a Deputación lucense, organizadora do acto, “estivo durante moitos anos en débeda cos represaliados, porque a súa sede do Pazo de San Marcos foi durante a ditadura sala onde se celebraron procesos sumarios, causas militares, con sentencia ditada previamente, que levaron a moitos destes homes e mulleres á morte”, lembra o deputado nacionalista.

Acordo unánime do Parlamento Galego

A Irmandade Galega en Bos Aires, en 1942, institúe o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. En 1977, coa transición democrática, realízase o primeiro acto público da Galiza Mártir, cun acto político no cemiterio de San Amaro en Pontevedra. Neste contexto foron numerosas as iniciativas que organizacións políticas e culturais levaron a cabo dende daquela para dar a coñecer e rehabilitar politicamente a figura de Alexandre Bóveda, e, con el, de todos os homes e mulleres mortos ou exiliados por defender a liberdade e a dignidade do noso país. A este recoñecemento social fóronse incorporando institucións como os Concellos de Poio e Pontevedra, entre outros, e as Deputacións de Ourense e Pontevedra. O Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade o 26 de decembro de 2006 unha Proposición non de lei para institucionalizar o 17 de agosto, cabodano do fusilamento de Bóveda, como Día da Galiza Mártir e para traballar na rehabilitación pública e política do propio Bóveda e de todos os mártires da liberdade que él mesmo simboliza na memoria histórica e democrática do noso pobo.

Alexandre Bóveda, figura fundamental no Estatuto de Autonomía de 1936

Alexandre Bóveda, xunto a Lois Tobío, Carvalho Calero e Vicente Martínez-Risco, foi o vertebrador do Anteproxecto de Estatuto que elaborou o Seminario de Estudos Galegos; defendéndoo na decisiva Asemblea de Concellos celebrada en Compostela do 17 ao 19 de Decembro de 1932, e asumindo a responsabilidade e a tarefa histórica de impulsar o laborioso proceso de aprobación do propio texto estatutario, culminado finalmente co apoio cidadán maioritario no referendo do 28 de xuño de 1936.

Logo do levantamento militar fascista de xullo de 1936, Bóveda foi xulgado no Salón de Plenos da Deputación Provincial de Pontevedra e, acusado de traizón, foi condenado a morte; cumpríndose a sentenza co seu fusilamento na mañá do 17 de agosto de 1936 na Caeira (Poio).
Deputación Provincial de Lugo - Vicepresidencia Primeira