Skip to main content

Xuntanza na estación científica do Courel sobre o sector económico da castaña

No proxecto participan o Instituto Forestal Europeo e o Centro Agroforestal Mundial e en Galicia pretendemos ter especial sensibilidade coas comarcas de montaña, que se desangran desde os puntos de vista demográfico e socioeconómico, prevéndose actuaciones, entre outras áreas, na Serra do Courel, especialmente no relacionado cos soutos e o sector da castaña, co apoio da Estación Científica do Courel, que dirixe o profesor Antonio Rigueiro.

Neste senso, no marco do proxecto europeo AGFORWARD organízase unha xornada de traballo o día 25 de agosto, na Estación Científica do Courel, coordinada por responsables do proxecto e á que foron convidados representantes da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, investigadores, propietarios de soutos, produtores e comercializadores de castañas, viveiristas, empresas transformadoras de castañas...a xornada incluirá pola mañá unha presentación do proxecto e unha mesa redonda encamiñada a debater sobre as principais problemáticas do sector da castaña en Galicia dende un punto de vista produtivo. Pola tarde visitaremos o souto de Mercurín.

Trátase de organizar un encontro no que participen produtores, transformadores e comercializadores do sector da castaña e que permita identificar dificultades concretas que se poidan resolver a través da investigación. Baseándonos nas problemáticas detectadas, deseñaranse ensaios de tres anos de duración en colaboración cos propietarios de soutos e produtores de castaña. Neste período a xestión dos soutos será desenvolvida polos propietarios do xeito habitual e os ensaios serán desenvolvidos pola USC. Todos os traballos relacionados coas investigacións non terán custo algún para os propietarios, os cales recibirán os resultados dos mesmos.

Aínda que os temas a tratar xurdirán no seo da xuntanza, consideramos que, entre outros aspectos, se podería tratar sobre a mellora das plantacións de castiñeiros, a mellora dos tratamentos culturais, a prevención e loita contra a doenza do chancro, a dispoñibilidade de plantóns enxertados con variedades do país (por exemplo microenxerto sobre patrón franco e híbrido resistente á tinta), a mellora da produción e calidade da castaña, a mellora das técnicas de colleita, a posibilidade da combinación da produción de castaña coa de cogumelos, mel, plantas medicinais, pequenos froitos...

Na reunión faranse tamén enquisas para coñecer as problemáticas do sector dende un punto produtivo e de cara a mellorar o financiamento e as axudas procedentes da Política Aggraria Común da Unión Europea.
Universidade de Santiago de Compostela