Skip to main content

Xunta e Inditex reforzan a mellora xenética e creación de áreas forestais de alto valor

Inditex e a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, renovaron a súa colaboración no relativo ao desenvolvemento dos proxectos de creación de áreas forestais de alto valor xenético e de mellora xenética das principais especies forestais arbóreas de Galicia, asinados en 2007 e 2010. O convenio foi asinado esta mañá polo Secretario Xeral e do Consello de Administración de Inditex, Antonio Abril e pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

Este convenio establece un novo réxime de colaboración entre as dúas entidades, para o desenvolvemento do Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia 2010-2020, e reforza a estrutura do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O presente convenio, que incide no noso patrimonio forestal e permite a xestión sustentable dos nosos bosques, persegue a mellora continua da calidade xenética dos materiais de reprodución das principais especies forestais galegas. Ademais, pretende dotar de investigadores post-doctorais especialistas ás actividades previstas no Plan, así como formar a persoal investigador nos temas relacionados con este convenio.

Inditex destinará ao proxecto 600.000 euros, divididos a partes iguais no segundo semestre de 2014, nas anualidades de 2015, 2016 e no primeiro semestre de 2017, último ano de vixencia do acordo, que se poderá prorrogar antes do seu remate o tempo necesario ata a súa completa execución.

Pola súa banda, a Xunta renova o seu compromiso de manter en vixencia o Plan de Mellora Forestal ata o ano 2020 polo menos, coa dotación de medios materiais, económicos e humanos para o seu desenvolvemento e a formación de persoal investigador.

Plan de Innovación e Mellora Forestal de Galicia 2014-2017

O Plan cuxa finalidade é incrementar a produción e calidade dos produtos forestais, consta de catro programas: Ecosistemas Forestais, Mellora Xenética, Mellora Selvícola e Protección Forestal.

O Programa de Ecosistemas Forestais pretende afondar no coñecemento do clima, os solos, a flora e a vexetación, así como no comportamento das especies como método de delimitación de zonas forestais. Sendo obxectivo prioritario a conservación de masas naturais de especies arbóreas autóctonas.

O Programa de Mellora Xenética ten por obxectivo incrementar as producións e calidades da materia prima industrial mediante ciclos de mellora e mantendo a diversidade xenética. Foron elixidas como especies prioritarias: o piñeiro bravo, o piñeiro insigne, o castiñeiro e a cerdeira.

O Programa de Mellora Selvícola pretende aumentar a produción de materia prima mediante técnicas silvícolas de todo tipo, sempre que sexan compatibles co medio ambiente e de xeito específico en cada Zona de Mellora.

O Programa de Protección Forestal céntrase en tres obxectivos, en primeiro lugar pretende mellorar as tecnoloxías preventivas mediante actuacións sobre a vexetación que reduzan a severidade dos incendios forestais. En segundo lugar, pretende mellorar os sistemas de avaliación de existencias de biomasa forestal adecuada para fines enerxéticos e cunha extracción sustentable do recurso. Finalmente, o Programa, persegue a restauración de áreas forestais incendiadas, mediante técnicas de control do risco hidrolóxico-erosivo e de redución da degradación do solo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia