Skip to main content

A colaboración do CTAG e PSA Peugeot Citroën colocan a Galicia á vangarda da innovación automobilística

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director de I+D+i de PSA Peugeot Citroën, Jean Marc Finot, participaron nunha xornada de traballo no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), na que Conde destacou que os proxectos innovadores conxuntos do centro e o xigante galo colocan a Galicia “á vangarda da innovación no sector da automoción”.

A presenza de Finot en Vigo, resaltou o conselleiro, responde á confianza no traballo desenvolvido por Galicia en proxectos xa en marcha e abre as portas a novos proxectos en colaboración con CTAG. Conde subliñou neste senso a estreita relación entre a empresa, o centro tecnolóxico e a Xunta de Galicia, unha alianza “determinante” para o futuro de Galicia fundada sobre o talento, sobre a innovación e sobre un traballo compartido que xa está a dar froitos. Así, destacou que os proxectos de innovación que están a levar a cabo CTAG e PSA reforzan a competitividade da compañía e da factoría de Balaídos, e son o primeiro paso cara a un “marco estable” de colaboración no futuro.

Ese triángulo de excelencia, sinalou, xa comezou a dar os seus froitos co traballo que está a realizar o centro tecnolóxico en colaboración con PSA Peugeot Citroën, concretado en avanzados proxectos de innovación que Finot e Conde comprobaron in situ. A experiencia do CTAG, e en especial o seu novo Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, cuxa construción a Xunta apoiou con 10 millóns de euros, “converteron a Galicia na mellor opción para desenvolver novas tecnoloxías do automóbil”, defendeu.

Conde salientou o traballo que nas instalacións viguesas están a realizar os especialistas do CTAG, apoiados por varios laboratorios, un simulador e unha pista de probas que, destacou, pon a Galicia no grupo de vangarda das novas tecnoloxías do vehículo conectado e do vehículo autónomo. Esa é a dirección, resaltou, na que PSA Peugeot Citroën, CTAG o e a Xunta reforzarán aínda máis o seu traballo conxunto.

Subliñou ademais a aposta do Goberno galego polo CTAG e pola colaboración entre o centro e a factoría de Balaídos, como resposta á vontade expresada polo presidente do Goberno galego de atraer a Galicia proxectos de I+D+i de grandes empresas, e á necesidade de potencia a transferencia de coñecemento para crear emprego e riqueza. E neses obxectivos, defendeu, Vigo e PSA son dous socios naturais, que xuntos fan do ecosistema innovador vigués o mellor lugar para desenvolver “os proxectos conxuntos que están por vir”, aínda máis ambiciosos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia