Skip to main content

Nava Castro presentou en Lugo as xornadas A conservación do medio natural, tarefa común

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, presentaron no Campus de Lugo as xornadas de divulgación científica “A conservación do medio natural, tarefa común”. No acto de presentación interviñeron tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, e o director de Comunicación da USC e coordinador das xornadas, Luís Celeiro.

As xornadas, organizadas pola Universidade de Santiago coa colaboración de Turismo de Galicia, teñen o obxectivo de concienciar ós diferentes axentes no desenvolvemento equilibrado e a longo prazo dos recursos, remarcando a idea de que a conservación do medio natural é labor de todos.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia recalcou que un dos retos actuais de Galicia é posicionar a nosa comunidade como modelo europeo de turismo sostible. Lembrou tamén que unha das liñas estratéxicas do Plan Integral de Turismo de Galicia céntrase na consolidación de Galicia como un destino ambiental, social e economicamente sostible. Nava Castro explicou que esta liña inclúe actuacións como a creación do proxecto Galicia turismo accesible, a implantación da Carta Europea de Turismo Sostible nos espazos naturais protexidos de Galicia ou o desenvolvemento de produtos especializados para segmentos de público sensibilizados co medio ambiente.

A directora de Turismo de Galicia explicou que non hai mellor marco para estas xornadas que o VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís, xa que o protagonista das sesións é o medio que tanto amaba o Santo.

O ciclo dará comezo o vindeiro 24 de setembro e desenvolveranse ao longo de 20 días dos meses de setembro, outubro e novembro, en vinte concellos doutras tantas comarcas de Galicia. As distintas sesións programadas no marco destas xornadas desenvolveranse en quenda de mañá e tarde e serán impartidas por profesores e investigadores da Universidade de Santiago, maioritariamente do Campus de Lugo, de áreas relacionadas coa temática das mesmas. Os relatorios programados prestan especial atención a cuestións ambientais de interese xeral e relacionadas coa comarca na que se celebren cada día.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia