Skip to main content

O Bono de Teatro Galego pretende incentivar a asistencia de público aos espectáculos en Santiago de Compostela

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Santiago na posta a disposición do público compostelán dun bono de desconto que agrupa toda a oferta teatral galega que presentan distintos escenarios da cidade ata finais de 2014.

O Salón Teatro, do que é titular a Xunta de Galicia, e os espazos municipais Teatro Principal e Zona C son os tres recintos que forman parte desta iniciativa, coa que se dá continuidade á exitosa primeira edición no mes de xaneiro do Bono de Teatro Galego (e Portugués), que estivo en vigor ata o pasado mes de xuño incluíndo tamén o Auditorio de Galicia e a sala Agustín Magán como recintos asociados.

A finalidade é favorecer o achegamento dos espectadores á carteleira teatral galega dos principais espazos escénicos da cidade, dentro da que durante o período de setembro a decembro prográmanse 32 funcións de 10 espectáculos de teatro para público adulto. Na práctica, a adquisición do bono posibilita obter 5 entradas para 5 espectáculos a un prezo especial total de 35 euros, o que supón un aforro de entre o 20 e o 30 por cento sobre o gasto que supón a compra individual das mesmas localidades.

Distribuirase, ademais, un folleto promocional, para que o público poida ter en conta toda a oferta e decidir a súa selección. Os bonos estarán á venda na billeteira do Teatro Principal (de 18 a 21 horas, de martes a sábado) e na do Salón Teatro (os días de espectáculo, desde dúas horas antes do comezo das funcións).

En representación da Consellería, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiu hoxe a presentación desta iniciativa conxunta coa concelleira de Cultura, María Antón, e co director xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Beneficio para artistas e público

O director da Agadic explicou que mediante esta acción facilítase o coñecemento por parte dos cidadáns dunha oferta integrada dos espectáculos producidos en Galicia, ao tempo que se anima o acceso aos patios de butacas nas mellores condicións económicas para os consumidores.

“A posta a disposición dunha carteleira coordinada e a aplicación dunha política de prezos vantaxosa actúan deste xeito en beneficio tanto dos nosos artistas como do noso público. O obxectivo final é que os composteláns, e tamén cantos se acheguen aos escenarios da capital de Galicia desde outras localidades, teñan ao seu alcance unha programación continuada, variada e de calidade grazas á planificación dos calendarios de todos os espazos escénicos involucrados, independentemente de que sexa a administración autonómica ou a local a que promova ou xestione cada actuación concreta”, expresou.

Programación

A programación incluída nesta oferta principia o mércores 17 de setembro con 5 representacións na Zona C de ‘O Pack Cósmico’, de Bértola Teatro Desmontable; e continuará no Teatro Principal o 18 de setembro con ‘A idade da pavía’, de Sarabela Teatro. Ese mesmo escenario acollerá o día 24 ‘D.E.P.’, de Malasombra Producións; o 30 de outubro ‘W.C.ircus (desperta!)’, de Pistacatro Produtora de Soños; o 3 de decembro ‘Perplexo’, de Il Maquinario Teatro; os días 10 e 11 de decembro ‘Eurozone’, de Chévere; e o 16 de decembro ‘O xardín das pernas roubadas’, da coruñesa Tuerka Teatro.

A Zona C propón tamén do 24 ao 28 de setembro 5 escenificacións de ‘Despois do tranvía’, da compañía Paula Ballesteros/Carlos Neira; e do 10 ao 14 de decembro outros 5 pases da montaxe ‘Pan! Pan!’, a cargo do grupo vigués A Panadería.

O Salón Teatro achega a este programa as 10 función (os días 2, 3, 4, 5, 9, 10, 11, 12, 16 e 17 de outubro) de ‘A Tempestade’. A versión da obra de Shakespeare realizada pola compañía Voadora en colaboración co Centro Dramático Galego vén de estrearse no prestixioso Festival Gil Vicente de Guimarães e de pasar polos festivais Fringe Madrid, Clásicos de Alcalá e pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Con dirección de Marta Pazos e adaptación de Fernando Epelde, integran o elenco deste espectáculo Hugo Torres, Olalla Tesouro, Fernando Epelde, Diego Anido, Borja Fernández, Guillermo Weickert, José Díaz, Iván Marcos e Sergio Zearreta.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia