Skip to main content

Convocado o concurso Curtas co móbil, da Axenda Dixital Galicia 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de abrir o prazo de inscrición no concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’, dirixido a mozos e mozas matriculadas na ESO ou Bacharelato de Galicia, de entre 14 e 18 anos. O formulario online está xa dispoñible no blog.adg2020.es/. “Curtas co Móbil” é unha das iniciativas do proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, a futura estratexia tecnolóxica global da Xunta.

Os obxectivos do certame son explorar a creatividade audiovisual dos mozos a través da gravación de micromovies, fomentar o traballo en equipo e o uso da lingua galega, así como sensibilizar sobre a importancia do desenvolvemento tecnolóxico da Comunidade e dar a coñecer a estratexia tecnolóxica global impulsada pola Xunta de Galicia.

Neste concurso de curtas co móbil os mozos e mozas poderán participar tanto individualmente como por grupos dun máximo de 5 persoas, e amosar a súa destreza cinematográfica coa gravación dun vídeo dun máximo de 3 minutos de duración onde se visualice como imaxinan que a tecnoloxía transformará Galicia no futuro.

Cada equipo designará un titor que forme parte do persoal docente do centro educativo. A súa tarefa será velar polo cumprimento das normas do concurso e levar a cabo a inscrición e a entrega das curtas para o concurso.

Inscricións

O prazo de presentación de solicitudes e os seus correspondentes vídeos estará aberto ata o 30 de outubro de 2014.

Os centros educativos interesados en participar, poderán realizar a súa inscrición gratuíta a través do formulario online dispoñible no Blog XenteDixital (blog.adg2020.es/). Xunto á cumprimentación do formulario o titor do equipo deberá achegar o link ao vídeo que debe ser previamente subido a unha canle de YouTube do centro educativo ou do titor.

Gañadores

Os vídeos recibidos publicaranse no Blog XenteDixital e nas redes sociais da Amtega e serán valorados por un xurado especializado no ámbito da Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías, formado por 2 representantes da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), 1 representante da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e 1 profesor de ESO/Bacharelato, que preseleccionará os cinco vídeos finalistas.

Os vídeos finalistas serán publicados en facebook

(www.facebook.com/amtega), dentro do apartado "Elixe o vídeo finalista do concurso!", no que calquera internauta que o desexe poderá votar o vídeo que considere que mellor representa o futuro de Galicia a través das novas tecnoloxías. Os vídeos gañadores serán os dous que máis “gústame” obteñan dentro do apartado.

O premio consistirá nunha tablet para cada alumno responsable do vídeo máis votado e unha minitablet para cada un dos alumnos responsables do segundo vídeo máis votado. Ambos os dous vídeos serán publicados como gañadores no Blog XenteDixital (blog.adg2020.es/) e en facebook (www.facebook.com/amtega).

Novos desafíos para participación na elaboración da ADG 2020
O concurso ‘Curtas co Móbil da Axenda Dixital de Galicia 2020’ forma parte da campaña para a participación cidadá no proceso de elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020 levada a cabo dende a Amtega.

Como parte desta campaña, tamén o pasado 28 de xullo habilitábase o blog.adg2020.es a través do cal calquera persoa pode achegar as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou simplemente enviar as suxestións que considere a través do mail adg2020@xunta.es.

A partir de hoxe e ata o 15 de outubro pódese participar en tres novos desafíos: “Como aplicarías a tecnoloxía para mellorar a educación do futuro?”, “Que farías para aumentar o uso das novas tecnoloxías nas empresas?” e “Que novas solucións tecnolóxicas proporías para modernizar os sectores primarios de Galicia?”.

Tras un relevante nivel de participación tamén hoxe dáse por pechado o prazo para a participación nos dous primeiros desafíos formulados “A que servizos públicos che gustaría acceder a través da Internet?” e “Que farías en materia de accesibilidade dixital para que todas as persoas poidan facer uso dos servizos públicos dixitais?”.

Administración electrónica, sanidade, educación e mobilidade foron as temáticas máis destacadas polos participantes en canto ao grao de mellora dos servizos públicos grazas ao emprego das novas tecnoloxías. Por outra banda, mellorar a accesibilidade web, promover a alfabetización e capacitación dixital e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías foron as temáticas máis comentadas en materia de accesibilidade dixital.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia